SEGURIDADE CIDADÁ
A presenza policial na Festa da Auga multiplicarase por catro e haberá máis controis de alcoholemia A seguridade das festas de San Roque e especialmente da multitudinaria Festa da Auga, o 16 de agosto, está garantida, segundo anunciaron o alcalde, Alberto Varela, e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba. Sen dar máis detalles, anunciaron que os efectivos policiais vanse multiplicar por catro con respecto ao ano pasado. Así mesmo, a Garda Civil encargarase de realizar controis de consumo de alcohol entre os condutores dende as 22 horas do día 15 ata as 22 horas do día 16.
26.07.2019. Varela e Larriba presidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade na que se abordou, como cada ano, o dispositivo de seguridade cidadá que afectará a unhas festas declaradas de interese turístico nacional e que contan con eventos que adoitan ser multitudinarios, como a Festa da Auga ou o Combate Naval, especialmente no primeiro caso. Na reunión estiveron presentes os responsables da Policía Nacional, Autonómica e Local, ademais da Garda Civil e Emerxencias. “A coordinación será total”, dixo Maica Larriba.
Tanto a subdelegada do Goberno en Pontevedra como o alcalde animaron a todo o mundo a visitar Vilagarcía e desfrutar das dúas festas, pero tamén a facelo con responsabilidade. Lembraron, neste sentido, que Renfe reforzará o número de trens que facilitarán o transporte público ata Vilagarcía, recomendando por iso que se trate de evitar o vehículo particular ou, ao menos, facelo con responsabilidade. A Garda Civil fará controis exhaustivos durante 24 horas. Igualmente, o número de axentes que participarán no operativo se multiplicará por catro. “Son especialistas en seguridade cidadá, uns serán vistos e outros non, pero o público sabe que estará seguro”, dixo Maica Larriba. Pola súa banda, o alcalde lembrou que haberá un posto sanitario e un “punto lila” para atender calquera denuncia por agresión de tipo sexual.
INDICES ALTOS DE SEGURIDADE Na súa comparecencia, a subdelegada do Goberno subliñou que Vilagarcía é unha cidade segura. De feito, indicou, no primeiro semestre do ano as denuncias por roubos con forza diminuíron un 40% con respecto ao mesmo período do ano anterior. “Todos os demais parámetros son tamén positivos, agás os delitos informáticos, pero iso non é unha cousa particular de Vilagarcía senón que unha tendencia xeral”.