OBRAS E SERVIZOS
A segunda fase da humanización do barrio do Piñeiriño afectará á rúa Camilo José Cela O executivo local de Vilagarcía xa ten programada a seguinte actuación a levar a cabo no marco do Plan de humanización de rúas e de mellora da accesibilidade do municipio. Tan só uns meses despois de anunciar a primeira fase do plan de humanización do Piñeiriño, que afectará ás rúas Fontecarmoa, Álvaro Cunqueiro e Francisco Porto Rey, o Concello inicia xa os trámites para levar a cabo a segunda fase que se centrará na Rúa Camilo José Cela. A Xunta Local de Goberno acordou hoxe adxudicar por 10.890 euros a redacción do proxecto básico e de execución desta obra ao arquitecto Mariano Vázquez, autor da remodelación e peonalización da Praza de Galicia.
20.08.2019.- Con esta actuación, o goberno local avanza na pretensión de humanizar o cen por cen da urbanización do Piñeiriño, un barrio densamente poboado pero que mantén a estética e configuración dos anos 70 do século pasado, onde as zonas para a circulación rodada predominaba sobre as dedicadas aos peóns e ao esparexemento das persoas. Coas actuacións que se van a levar a cabo adaptarase O Piñeiriño aos criterios do século XXI e tamén ao modelo de cidade no que traballa o executivo de Alberto Varela, con rúas accesibles e con espazos cómodos e amplos para os peóns, e onde os elementos verdes resten dureza ao asfalto e cemento.
Este novo proxecto para a rúa Camilo José Cela debe harmonizar co xa elaborado para a primeira fase, de xeito que todas as rúas do barrio manteñan unha mesma estética. Os obxectivos a cumprir tamén son os mesmos; mellorar a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida ou que levan carros de bebés ou compra; mellorar a mobilidade peonil e ciclista e incorporar zonas verdes e permeables que aporten frescos e contribúan ao correcto drenaxe das augas cando chove. Ademais, o proxecto incluirá a mellora do alumeado público baixo criterios de aforro e eficiencia económica, e tamén a comprobación das redes de servizos básicos, como abastecemento de auga e saneamento. Por último, a actuación tamén ten unha vertente social posto que coa humanización desta rúa e do resto do barrio, búscase obter un efecto dinamizador e acadar unha cidade máis habitable e agradable para vivir e facer vida nas rúas.
Obras da primeira fase
A primeira fase do plan de humanización do Piñeiriño está presupostada en 205.971 euros que se financiarán cos fondos provinciais do Plan Concellos. As liñas xerais dos traballos a levar a cabo nas tres rúas afectadas pasan polo ensanche de beirarrúas, construción da do tramo que falta na Rúa Fontecarmoa, eliminación de barreiras arquitectónicas, renovación do alumeado público, reordenación de estacionamentos e plantación de árbores e elementos vexetais.
O proxecto redactado polo Arquitecto Municipal prevé o ensanche das beirarrúas de Álvaro Cunqueiro e Francisco Porto, que contarán con máis do dobre de ancho que as actuais, pasando dos 2 metros de agora, aos 5,5 que terán tras a actuación. Nas interseccións con outras vías, a beirarrúa ensánchase en forma de orella ata chegar aos 8 metros de ancho. Dada a amplitude da calzada nestas rúas, non será preciso prescindir dos estacionamentos, simplemente se cambiará a actual disposición en batería, por outra en liña, que ocupa menos espazo.
Por descontando, eliminaranse todas as barreiras arquitectónicas e as beirarrúas serán completamente accesibles e cómodas para as persoas con problemas de mobilidade, ao construírse superficies totalmente regulares a base de formigón e contar coas correspondentes baixadas e ramplas. Tamén se renovará o alumeado público, poñendo luminarias de fachada con tecnoloxía led e se completará a actuación coa plantación de árbores que lle dean un aspecto máis agradable e aporten frescura ao barrio.
O proxecto inclúe tamén unha necesaria actuación para mellorar a seguridade dos peóns na Rúa Fontecarmoa. Dada a desigualdade do ancho desta vía, que se estreita na proximidade ao cruzamento con Doutor Tourón, o da beirarrúa a construír tamén variará, aínda que a maior parte do trazado disporá de 3 metros. Ademais, elevarase un paso de peóns na zona máis próxima á intersección coa rúa Francisco Porto Rey. Tamén se mellorará a estética coa plantación de árbores.