FESTAS
O dispositivo do Combate Naval mobiliza a medio centenar de efectivos para garantir a seguridade por terra e mar Medio centenar de persoas participan este ano no operativo especial de seguridade deseñado con motivo da celebración do Combate Naval que terá lugar o sábado pola noite como colofón das festas patronais de San Roque. O Concello é o organismo que máis efectivos dispón (36 persoas, máis numerosos medios materiais) e que se complementarán con apoio dos demais corpos e organismo que participan no Plan de Autoprotección deste multitudiario evento que se desenvolverá a partir da media noite na zona das praias da Concha e Compostela. Os efectivos distribuiranse tanto por terra como por mar para garantir que vilagarciáns e visitantes gocen con total seguridade do espectáculo pirotécnico.
22.08.2019.- Como en anos anteriores, o plan concretouse en diversas reunións de traballos mantidas no Concello entre todos os corpos e organismos participantes: Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, Policía Local, Policía Portuaria, Garda Civil do Mar, Departamento de Intervención de Armas da Garda Civil, Garda Civil do Mar, Capitanía Marítima e Axencia Galega de Emerxencias. O concelleiro de Seguridade Cidadá e o responsable da empresa pirotécnica tamén participaron nas reunións.
O operativo que comezará horas antes do inicio do Combate, mediante o acordonamento do perímetro de protección e emprazamento dos postos de socorro e posto de mando. Éste, desprazado pola Axencia Galega de Emerxencias, situarase ao inicio da Compostela, nas inmediacións do posto de socorro da praia, e dende el coordinarase e controlarase o dispositivo.
O Servizo de Emerxencias disporá de dúas ambulancias de soporte vital básico, equipadas cada unha cos dous técnicos en emerxencias sanitarias. Unha situarase entre a entrada ao porto do Ramal e outra nas inmediacións do posto de socorro da Compostela. O posto dos socorristas abrirá como punto de primeiros auxilios e haberá socorristas nas torretas de vixilancia e patrullando a pé pola praia para poder detectar e atender coa maior brevidade calquera tipo de emerxencia. Tamén estará dispoñible un quad de Emerxencias habilitado cun kit sanitario e un técnico de emerxencias sanitarias por si fora preciso desprazarse con rapidez polo areal. O servizo de Emerxencias tamén actuará dende o mar, coa 3 embarcacións para garantir que as embarcacións de recreo que acoden a ver o espectáculo pirotécnico dende o mar, garden a distancia de seguridade. Estes traballos contarán con reforzo doutra embarcación do servizo marítimo da Garda Civil.
A maiores repartiranse pola zona 3 camións de extinción do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil co respectivo persoal. Un estará dentro do recinto portuario no que se instalan e disparan os fogos, outro entre o Ramal e o Pinar da Cocha e o terceiro xunto ao Posto de Mando Avanzado e o Posto de Socorro da Compostela.
Policía Local e Nacional encargaranse de regular o tráfico e o fluxo de persoas tanto antes como ao remate do Combate e persoal dunha empresa de seguridade privada encargarase do control de acceso á zona restrinxida no peirao do Ramal para o persoal da pirotecnia.