CONCELLO
O circuíto multiaventura do Parque Matosinhos colle forma coas pasarelas elevadas, mallas de escalada e tirolina A segunda fase do proxecto de rexeneración urbana do arque de Matosinhos e rúas da contorna avanza a bo ritmo. Os traballos, centrados nas últimas semanas no parque propiamente dito, permiten xa visualizar o circuíto multiaventura instalado entre as árbores e que conta con pasarelas elevadas de diferente tipo, malla para trepar, rampla de escalada, camas elásticas, casetas bordeando os troncos das árbores, tirolina e tobogán para facer as delicias de nenos e nenas. O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Urbanismo, Paola María, visitaron esta mañá a zona para comprobar o estado dos traballos.
27.08.2019.- O circuíto creouse collendo como vértices 8 árbores do parque e está deseñado con elementos de madeira que aportan ao parque unha imaxe natural. As pasarelas dispostas entre as árbores álzanse a unha altura aproximada de 1 metro sobre o chan e baixo elas disporase unha ancha capa de cortiza de piñeiro como elemento amortiguador. O resto do parque irá cuberto de céspede e dotado de sistema de rego, así como de iluminación led. A dotación do Parque de Matosinhos completarase cunha zona de xogos para os máis cativos e que contará cun areeiro e algún bambám. Tamén se instalarán bancos con respaldo e papeleiras.
A empresa adxudicataria da obra dedicou as últimas semanas a traballar na zona de parque para telo rematado de cara ao inicio do curso escolar, de feito que as máquinas xa non estean na zona cando os nenos e nenas regresen á actividade nos colexios da Lomba. Así a todo, a zona quedaría temporalmente pechada unhas semanas máis para permitir o crecemento da herba. Unha vez rematados os traballos no parque, a empresa retomará as obras en Doutor Tourón para acabar de acondicionar o fronte das torres Caixanova, onde tamén se combinarán as zonas de tránsito con outras verdes e se instalará unha nova marquesiña para a parada de autobuses. O tramo de beirarrúa do lado oposto da rúa xa está rematado, ao igual que a zona de estacionamento habilitada na parte posterior da Escola Infantil Municipal, na confluenza de Doutor Tourón coa Rúa Xunqueira.
O Concello inviste 338.355 euros nesta obra do proxecto de Rexeneración Urbana do Parque de Matosinhos e Rúas da contorna, aos que se suman os 219.685 euros da primeira fase que se centrou no acondicionamento, mellora da accesibilidade e mellora estética da contorna da Escola Infantil Municipal. En total, máis de medio millón de euros para revitalizar e dinamizar un barrio de Vilagarcía que, pese a atoparse no centro da cidade e ser un dos máis transitados da vila debido a existencia de 4 centros escolares, presentaba graves deficiencias, non so estéticas, senón tamén en materia de accesibilidade, servizos e seguridade viaria. O proxecto incluíu tamén a renovación das redes de auga e saneamento.
Co proxecto rematado, a zona non so presentará unha imaxe máis moderna e acorde aos requisitos de mobilidade destes tempos, senón que tamén contará co primeiro parque multiaventura da cidade.