AVISOS
A Avenida Doutor Tourón disporá dun só sentido de circulación no tramo de Matosinhos a partir do martes A partir do martes 3 de setembro, a Avenida Doutor Tourón disporá dun só sentido de circulación no tramo de Matosinhos co obxecto de permitir as obras de elevación da plataforma e do paso de peóns situado fronte as Torres Caixanova. O tráfico entrante á cidade dende a Avenida de Cambados poderá circular igualmente pola vía, mentres que o saínte deberá realizar un pequeno desvío por López Cuevillas (no cruce da farmacia) e Vista Alegre para volver a incorporarse á Avenida de Cambados. O desvío manterase ata que rematen as obras, que se estima teñan unha duración aproximada de dúas semanas.
31.08.2019.- Alternativas de Pablo Picasso e as circunvalacións
A Policía Local recomenda aos condutores que pretendan acceder ao centro da vila dende a Avenida de Cambados que, na medida do posible, opten por facelo a través da Rúa Pablo Picasso e Valle Inclán. En canto aos vehículos de paso, recoméndase o uso das circunvalacións.
A elevación da plataforma e do paso de peóns no cruce de Matosinhos é unha das medidas de seguridade viaria prevista no proxecto de Rexeneración Urbana no Parque de Matosinhos e Rúas da Contorna que está a levar a cabo o Concello de Vilagarcía. A medida é especialmente necesaria ao tratarse a Avenida Doutor Tourón dunha das arterias con maior intensidade de tráfico da cidade e ao ser este paso de peóns o punto de cruce obrigatorio para os centos de nenos e nenas que acoden a diario aos centros educativos situados no recinto da Lomba, ademais de atoparse a carón da parada do transporte urbano que tamén será remodelada con criterios de accesibilidade.
As obras decidíronse comezar xusto a inicio de setembro porque co remate da temporada turística de verán diminúe a intensidade de tráfico, polo que a repercusión será menor. Ademais, os traballos non se poden demorar máis para tratar de que non coincidan co regreso dos escolares ás aulas, momento no que se retoma o transporte escolar e hai máis circulación na zona, tanto de vehículos como de peóns.
Debido ao tempo que leva a preparación do terreo e o que se precisa para o correcto fraguado e secado do formigonado da plataforma, calcúlase que a obra dure uns quince días, período no que se manterá o desvío sinalado. Tan pronto como rematen as obras, a Avenida Doutor Tourón recuperará os dous sentidos da circulación como ata o de agora.
Para alertar aos condutores dos cambios, instalaranse paneis informativos nos principais cruces de acceso á cidade.
Dende o Concello prégase a condutores e veciños que desculpen as molestias que as obras poidan ocasionar durante estes días e lembran que se trata dunha actuación necesaria para mellorar a seguridade viaria neste concorrido punto da cidade que tamén está sendo obxecto dunha importante mellora estética e urbana.