CONCELLO
Touriñán e Blanco abren a terceira función de “Unha noite na praia” en Vilagarcía A gran expectación do público e o aínda maior ritmo na venta das entradas para as dúas funcións do novo espectáculo de Carlos Blanco e Xoán Antonio Touriñán en Vilagarcia fixo que o dúo cómico decidira levar a cabo unha terceira representación na capital arousá. As datas xa anunciadas para os días 4 e 5 de outubro, súmase agora a o domingo 6. As entradas para esta terceira función de “Unha noite na praia” xa se poden adquirir a través de ticketea a 18, 15 e 12 euros (máis custes de xestión).
16.09.2019.- En Vilagarcía xa ven sendo tradición cada vez que Carlos Blanco e Xoán Antonio Touriñán presentan os seus traballos na cidade, as entradas para as funcións se esgoten á velocidade da luz e que, consecuentemente, se engadan funcións. Esta ocasión non ía ser menos e a obra escrita e dirixida polo tamén galego Javier Veiga representarase tres veces en Vilagarcía a primeira fin de semana de outubro. O venres 4 a representación comezará ás 20:30, o sábado ás 20.00 e o domingo ás 19.00 horas.
“Unha noite na praia” é unha comedia “con mar de fondo” protagonizada por dous personaxes: Dous tipos moi distintos que coinciden ao solpor nunha praia fronte ao mar. Klaus e Manuel, un sueco e un galego, que se parecen o mesmo que o restaurante de Ikea a un Furancho da aldea. Na praia non queda ninguén; só Manuel, que traballa no chiringuito, e Klaus, un turista que non quere levantar o cu da derradeira hamaca que queda por recoller. Así arranca o conflito destes dous tipos: un quere marchar para casa a durmir, e o outro quere que lle poñan a última cervexa e un ombreiro para chorar as súas penas polo seu corazón roto. Escrito e dirixido por Javier Veiga e producido en Galicia por Ainé Producións, conta co traballo de escenografía de Carlos Alonso, a dirección técnica de Dani Juncal e a dirección de produción de Javi Lopa, Paco Abelleira e Álvaro Pérez Becerra.