TERCEIRA IDADE
Persoas Maiores subvenciona unha viaxe aos destinos máis emblemáticos de Asturias O Concello de Vilagarcía organiza e subvenciona unha nova viaxe cultural de cinco días e catro noites de duración destinada ás persoas maiores do municipio. O destino nesta ocasión será Asturias e o programa inclúe as visitas aos lugares máis emblemáticos da comunidade, como Cudillero, Cabo de Peñas, Santillana del Mar, San Vicente de la Barquera, Avilés e Oviedo. A excursión celebrarase entre o 23 e o 27 de outubro, ambos incluídos, e o custe é de 200 euros por persoa en habitación dobre e pensión completa. O prezo inclúe os traslados, as visitas, guía acompañante e seguro de viaxe. No caso de querer unha habitación individual, o prezo increméntase en 25 euros por noite.
04.10.2019.- Esta actividade inclúese no programa anual de viaxes culturais que organiza o departamento que dirixe Tania García e que teñen como obxectivo ofrecer ás persoas maiores e ao colectivo de xubilados unha alternativa cultural e de ocio accesíbel as súas posibilidades económicas e favorecer actividades que contribúen á socialización e ao envellecemento activo da poboación.
Ofértanse 55 prazas (un autobús completo) e o prazo de inscrición ábrese o luns, 7 de outubro e pecharase o día 18 ou no momento en que se esgoten as prazas. Os interesados deben dirixirse a Área de Persoas Maiores no Concello para anotarse. A asignación de prazas e de asentos no autocar realizarase por orde de inscrición.
Os requisitos para poder participar nesta viaxe son ter 65 anos cumpridos ou ser pensionista e ter cumpridos os 55 anos. Os solicitantes deben estar empadroados en Vilagarcía. No caso de ir coa súa parella, non é preciso que esta reúna os requisitos de idade e pensión.