CONCELLO
Un autobús gratuíto facilitará o desprazamento dos veciños de Castroagudín á mesa electoral de Cea o 10N A decisión da Oficina do Censo de eliminar a mesa electoral de Castroagudín debido á redución do número de electores por debaixo dos 200, non será impedimento para que os veciños que desexen exercer o seu dereito ao voto poidan facelo igualmente sen maior molestia. Para facilitar o traslado destas persoas ata o colexio electoral de Cea que lles foi asignado, o Concello de Vilagarcía disporá un servizo de autobús gratuíto que funcionará en horario de mañá e tarde con viaxes de ida e volta.
05.11.2019.- A parada deste servizo extraordinario de bus fíxase na Praza Maior de Castroagudín, dende onde partirán os autobuses con saídas pola mañá, ás 10 e ás 12 horas, e pola tarde, ás 17 e 19 horas. Darase tempo suficiente para que os veciños exerzan o dereito constitucional ao voto antes do regreso a Castroagudín, fixándose a viaxe de volta media hora despois de cada servizo, é dicir, ás 10.30 e 12.30 horas pola mañá, e ás 17.30 e 19.30 horas pola tarde.
O Concello xa adoptara a solución do autobús gratuíto hai uns anos, cando a Xunta Electoral dou de baixa a mesa de Solobeira facendo que os electores deste lugar se tiveran que desprazar ata o colexio electoral emprazado no centro sociocultural dos Borrizos, na parroquia de Cornazo.