OBRAS E SERVIZOS
O ensanche do acceso á Torre comeza o luns co derribo da casa situada sobre a curva O luns dará comezo unha das obras máis esperadas e demandadas polos veciños e unha actuación moi necesaria en canto á mellora da seguridade viaria: O ensanche do vial de acceso ao barrio da Torre. A actuación proxectada polo Concello comezará co derribo da casa en ruínas situadas sobre a mesma curva e continuará, de seguido, co retranqueo do muro e posterior acondicionamento da vía. A previsión é que as tarefas de demolición e retirada de entullos leven toda a semana, prazo durante o cal a parada do transporte escolar trasladarase de forma provisional ás inmediacións do aparcamento do pazo da Golpelleira -onde se instalará unha marquesiña-, regresando ao seu punto habitual tan pronto como quede despexada a vía da maquinaria.
08.11.2019.- A empresa Construcciones Abilleira é a adxudicataria da obra promovida polo Concello despois das negociacións levadas a cabo polo goberno local cos propietarios do pazo e da vivenda a derribar, para facerse cos terreos necesarios para acometer o necesario ensanche do acceso á Torre e á apertura da problemática curva. Os terreos para gañar amplitude á vía, conseguíronse de xeito gratuíto mediante a sinatura dun convenio de colaboración. A casa emprazada sobre a mesma curva obtívose mediante adquisición e por importe de 10.000 euros. No que á execución da obra se refire, o Concello inviste 92.455 euros dos fondos do Plan Concellos da Deputación.
Como xa seabe, o proxecto a executar consiste na apertura da curva e ensanche do vial. O muro a retranquear axustarase á aliñación prevista no PXOM nunha lonxitude de 97 metros, o que permitirá gañar o espazo suficiente para ampliar a vía e dotala dunha beirarrúa para que os peóns poidan transitar de forma máis segura. O proxecto prevé tamén o soterrado dos cables do tendido eléctrico, a colocación de catro luminarias e o acondicionamento do acceso á primeira das vivendas situada tras a curva. Por último, pavimentarase a calzada.