MEDIO AMBIENTE
O Concello planifica a limpeza de seis regatos municipais no marco das actuacións preventivas contra as inundación Como xa ven acontecendo dende hai uns anos, o Concello de Vilagarcía, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, destinará medios propios á limpeza de cinco regatos do municipio e dun tramo do río Con. Estas actuacións de mantemento da rede fluvial e de prevención contra as inundacións comezarán á próxima semana. Os regatos nos que actuarán os operarios municipais son os de Santa Mariña, Lomba, Tripeira, Faxilde e A Torre, e tamén se actuará no curso baixo do río Con.
08.11.2019.- Pese a tratarse dunha competencia de Augas de Galicia, o Concello leva uns anos colaborando co organismo autónomo, asumindo a limpeza de varios regatos do municipio, co obxectivo de garantir o seu bo estado durante a temporada de chuvias e para reducir os riscos de desbordamentos. Pola súa banda, Augas de Galicia completa a labor municipal con tarefas noutros puntos da rede fluvial local. A Concellería de Medio Ambiente comunica anualmente ao departamento autonómico as zonas que limpará con medios propios, á vez que lle solicita que actúe nos restantes puntos conflitivos, especialmente naquelas zonas onde se precisan traballos mecánicos, posto que a intervención dos operarios municipais faise exclusivamente de forma manual.
A actuación planificada polo Concello no regato de Santa Mariña iniciarase na contorna da parroquia da Xunqueira e continuará ata a desembocadura no río Con, á altura do Parque da Xunqueira. No Lomba, os traballos comezarán en Cornazo de Abaixo e seguirán ata a zona de Fexdega, onde o regato morre ao atoparse co Con. Tamén se despexará o leito do regato da Tripeira, ao seu paso por Guillán e ata o punto onde comeza a súa canalización, ao igual que os tramos finais dos regatos de Faxilde e da Torre. A actuación municipal no río Con concentrarase, como en anos anteriores, no tramo do leito que discorre entre o barrio da Laxe e o cruce da avenida Rodrigo de Mendoza con Ramón Cabanillas.