CONCELLO
O CEMIT acolle unha xornada informativa sobre a adaptación das instalacións de recepción da TDT e as axudas existentes A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG) organiza o vindeiro 28 de novembro en Vilagarcía unha xornada informativa sobre a adaptación das antenas de recepción da televisión dixital que será preciso levar a cabo como consecuencia do denominado “segundo dividendo dixital”. A sesión, de carácter informativo e de asesoramento, terá lugar na Aula CEMIT do Centro de Matosinhos e está dirixida á cidadanía en xeral, asociacións, administradores de fincas, antenistas, instaladores de telecomunicacións e tamén aos concellos e deputacións. A participación é de balde pero é preciso inscribirse previamente antes do 20 de novembro a través do enderezo electrónico segundodividendodixital@aetg.gal e indicando nome, apelidos, teléfono e correo electrónico de contacto.
14.11.2019.- Esta actividade lévase a cabo no marco do Plan de Comunicación e Divulgación sobre a liberalización do Segundo Dividendo Dixital que está a desenvolver a AETG. Este proceso de liberalización supón un cambio significativo para a sociedade na área do desenvolvemento das telecomunicacións, con melloras nas redes e capacidade das mesmas, e que implicarán modificacións dos sistemas de cobertura da televisión dixital, de aí a necesidade das adaptacións dos equipos técnicos. A sesión desenvolverase entre as 12 e as 12.30 horas na aula CeMIT mediante videoconferencia impartida dende o Centro Demostrador TIC de Santiago de Compostela.
A través desta sesión, a AETG ofrecerá asesoramento individualizado en relación coa liberación do segundo dividendo dixital e as súas implicacións, ademais de informar sobre as liñas de subvención existentes para a adaptación das instalacións de recepción do sinal da TDT.
Durante os meses de novembro e decembro de 2019, a AETG dá soporte centralizado a esta información para profesionais e usuarios finais da TDT, mediante contacto telefónico no número 981919300 e o correo electrónico segundodividendodixital@aetg.gal . Os interesados poden obter máis información a través do enlace http://bit.ly/TDT2DDplanAETG .