CULTURA
O presidente da Xunta pasa por Vilagarcía para consultar co seu psicólogo na comedia “O Electo” O xénero da comedia regresa esta fin de semana ao Auditorio de Vilagarcía da man da compañía Contraproducións Teatro e da obra “O Electo”, un texto versionado e dirixido por Cándido Pazó que propicia un intenso, divertido e ácido e hilarante debate político a través do candidato electo á presidencia da Xunta de Galicia e o seu psicólogo. A función terá lugar ás 21.00 horas e as entradas custan 5 euros. Maiores, xóvenes e desempregados teñen prezo reducido a 3 euros.
21.11.2019.- Os actores Manu Baqueiro e Antonio Mourelos protagonizan esta comedia electoral que parte dun hipotético tempo e dunha suposta situación que xurde por un deses azares da aritmética parlamentaria e das conxunturas políticas.... Nese contexto, un candidato a Presidente da Xunta consegue o seu propósito, a grande meta da súa vida. O día da toma de posesión, a piques de dar o discurso de investidura, aparece un atranco inesperado: un estraño e choqueiro tic nervioso ameaza con ridiculizar, ou mesmo arruinar, tan solemne e esperado momento. Alarmado, reclama asistencia médica. E un psiquiatra acode para o atender e tratar de arranxar, en escasísimo tempo, tan inoportuno trastorno, iniciándose unha sesión urxente na que, nun contexto de humor agudo e sarcástico, asistiremos a unha batalla entre o político e o facultativo. Que esconde cada cal? Cales son as verdadeiras intencións de un e outro? Que feitos da nosa vida marcan o noso futuro e, sobre todo, a nosa vocación?
Compra de entradas e bonificacións
As entradas pódense adquirir de xeito anticipado a través de http://www.ticketea.como (máis custes de xestión), ou na billeteira do Auditorio o mesmo día a partir das 19.00 horas. Desempregados, maiores de 65 anos e xóvenes titulares do carné xoven terán entrada bonificada previa acreditación da súa condición (cona tarxeta de desempregado, DNI e carné xoven respectivamente).
“O Electo” é unha obra concertada a través do convenio subscrito polo Concello de Vilagarcía e a Agadic no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.