OBRAS E SERVIZOS
Vilagarcía súmase ao programa europeo para favorecer unha economía baixa en carbono, que xestiona a Deputación O Concello de Vilagarcía acordou adherirse ao programa que a Unión Europea dirixe a entidades locais co obxecto de financiarlles proxectos singulares que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. A Deputación Provincial xestiona este programa promovido polo Instituto para a Diversificación da Enerxía (IDAE) e través do cal Vilagarcía propón levar a cabo unha actuación para renovar 517 puntos de luz do alumeado público de 12 rúas do centro urbano co obxectivo de substituílos por tecnoloxías led e máis eficientes, que consumen menos enerxía e reducen o nivel de emisións de CO2.
10.12.2019.- O proxecto aprobado esta semana na Xunta de Goberno Local ten un custe de 200.000 euros dos que, de ser aprobado, o 80% serían financiados con fondos europeos (cunha subvención de 180.000 euros), e o 20% restante polo Concello e o organismo provincial a partes iguais (10.000 euros cada unha das administracións). O proxecto remitiuse á Deputación para que o tramite ante o IDAE.
A proposta vilagarciá enmárcase na liña 6 do programa europeo, a relativa a actuacións para renovar os sistemas de alumeado, iluminación e sinalización exterior xa existentes, mellorando a súa eficiencia enerxética coa finalidade de reducir o consumo de enerxía final e as emisións de CO2, así como de outros contaminantes atmosféricos.
Segundo a memoria técnica, coa execución deste proxecto o Concello conseguiría reducir o consumo eléctrico anual en 192.790 kilowatios/hora, o que, monetariamente, se traduciría en que as arcas municipais aforrarían cada ano no recibo da luz 23.134 euros, en relación ao que se está gastando agora.
Para acadar estes resultados, o proxecto prevé, ademais da substitución das luminarias e lámpadas de 517 puntos de luz do alumeado público de doce rúas e parques do centro urbano, a adaptación de 10 cadros de mando para optimizar o consumo e adaptalos ao Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión, e a instalación de sistemas de regulación do nivel luminoso que permitan que, durante as horas centrais da noite, se poida diminuír o nivel do fluxo emitido ata o máximo dun 40% do valor do servizo normal.
As zonas incluídas neste proxecto son Castelao, Avenida Doutor Tourón, Alexandre Bóveda, Gumersindo Nartallo, García Lorca, Manuel Antonio, Urbanización A Xunqueira, Xoán Carlos I, Doutor Moreira Casal, Avenida da Mariña e algunhas rúas adxacentes.