CONCELLO
A venta anticipada de entradas para os espectáculos do Concello farase a través de Ataquilla.com a partir do 1 de xaneiro O Concello de Vilagarcía cambia de plataforma para a venta anticipada de entradas dos espectáculos e eventos promovidos pola administración local e a celebrar en instalacións ou recintos municipais. A partir do 1 de xaneiro de 2020, a comercialización anticipada farase a través de Ataquilla.com, a plataforma que xestiona AFundación. O Goberno Local xa aprobou o convenio a asinar coa Fundación Galicia Obra Social de A Banca para o uso da plataforma dixital e da billeteira telefónica durante o prazo dun ano, prorrogable.
28.12.2019.- Nos últimos anos o Concello centralizou a venta anticipada en ticketea.com, plataforma que deixa de operar a partir do 31 de decembro e que será suplida dende o día seguinte por Ataquilla.
A operación farase sen que cause ningún tipo de molestia ás persoas que xa tiveran adquirido entradas para espectáculos do ano 2020 a través de ticketea, posto que os datos volcaranse ao sistema de Ataquilla, quedando completamente validadas as localidades, sen que o comprador teña que facer ningún tipo de trámite adicional.
O convenio asinado entre o Concello de Vilagarcía e AFundación, ademais da plataforma dixital de ATaquilla.com. tamén pon a disposición dos usuarios a billeteira telefónica mediante un número 902, a través do cal tamén se poderá realizar a compra anticipada de entradas, ao igual que na sedes físicas coas que conta Ataquilla en Santiago, Vigo e Ourense. Ademais, unha vez adquiridas as entradas vía online ou telefónica, os compradores poderán retiralas en calquera das oficinas de Abanca dotadas coas correspondentes impresoras.
Como en calquera sistema de venta anticipada, o servizo conleva unha comisión por gastos de xestión que se engade ao prezo da entrada. As tarifas para entradas con prezos superiores a 5 euros son de 0,75 céntimos de euro en operacións a través da web e da sede física e de 1 euro na billeteira telefónica. Para entradas con prezo igual ou inferior a 5 euros, as comisións redúcense a 0,25 céntimos nos dous primeiros casos e 0,50 céntimos no segundo.
AFundación negociará directamente co promotor a cota de gastos de xestión para espectáculos cuxa organización non corresponda ao Concello pero se celebren nas instalacións municipais adheridas a este convenio.