CULTURA
O mellor teatro galego volverá a pasar polo auditorio de Vilagarcía a través da colaboración entre Concello e Agadic O teatro galego volverá a ser o prato forte da programación cultural do Auditorio Municipal de Vilagarcía durante o primeiro semestre do ano 2020 grazas á colaboración entre o Concello e a Agadic. O convenio para esta primeira temporada do ano inclúe 5 obras de teatro a representar entre febreiro e maio e que traerán a Vilagarcía as últimas producións de compañías como Chévere, Teatro do Noroeste, Producións Teatrais Excéntricas, Cultura Activa e Tarabela. O mellor e máis actual teatro galego do que os vilagarciáns poderán gozar polo módico prezo de 5 euros grazas a este convenio que financian a partes iguais Concello e Agadic.
03.01.2020.- A programación abrirase o 15 de febreiro coa obra “As Virxes Salvaxes”, unha comedia de Teatro do Noroeste sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. O 21 de marzo, Chévere volve a sacar a súa vena máis irónica, crítica e cómica para describir como se constrúe un país cunha alegoría de España creada baseada nun relato da comarca de Verín transmitido de xeración en xeración.
Producións Teatrais Excéntricas representa o 4 de abril “Medida por medida”, unha comedia escura que relata a sociedade dos nosos días ao xeito de Quico Cadaval. O día 18 de abril chega ao Auditorio “Tabú”, unha comedia descritiva dunha época e da situación das mulleres dese tempo, creada por Tarabela Creativa en base as conversas reais mantidas con mulleres galegas de entre 70 e 90 anos sobre a súa vida sexual e o modo de entender o sexo. O ciclo pecharase o 30 de maio con Culturativa e a súa obra “Senior”, unha comedia sobre dous homes que atravesan a crise dos 50.