SANIDADE
O goberno local traslada o seu apoio á plataforma de afectados pola lista de espera O goberno local de Vilagarcía tivo hoxe a oportunidade de trasladarlle en persoa aos representantes da Plataforma de Afectados polas Listas de Espera o seu decidido apoio ás súas reivindicacións. De feito, o pleno ordinario de marzo incluirá unha moción na que se expresan as principais reivindicacións deste colectivo en materia de saúde para a vindeira Xunta de Galicia. O debate plenario producirase a apenas dez días das eleccións autonómicas do 5 de abril.
27.02.2020. O colectivo foi recibido polo alcalde, Alberto Varela, a portavoz municipal, Tania García, e a concelleira de Sanidade, Maty Laya. A cita durou algo máis dunha hora, tempo suficiente para que o colectivo expuxera as súas reivindicacións e tamén o goberno lle explicara polo miúdo as súas xestións para mellorar a atención sanitaria no municipio, con especial incidencia no necesidade de contar con un centro de saúde acorde aos tempos actuais e á realidade da oitava cidade de Galicia e noveno municipio por número de habitantes.
Impedir o desmantelamento ou deterioro da atención sanitaria no hospital do Salnés e a súa dependencia de centros de Pontevedra, ou que todos os partidos, sindicatos e asociacións camiñen en común nese obxectivo, son dúas das principais reivindicacións do colectivo de Afectados polas Listas de Espera coas que o goberno coincide plenamente. De aí o seu compromiso de levar este debate ao vindeiro pleno, o 27 de marzo.