ECONOMÍA
O goberno ponse a disposición da plantilla de Coinba para evitar o peche da empresa O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a tenente de alcalde, Tania García e a concelleira de Promoción Económica, Alba Briones, recibiron esta mañá no Concello a unha delegación do plantel de Coinba e a súa representación sindical co obxecto de coñecer de primeira man a súa opinión sobre a situación que atravesa á empresa emprazada en Vilaxoán, así como para poñer ao goberno local a súa completa disposición para axudar en todo no que estea na man do Concello.
05,03.2020.- Ao igual que ás traballadores, ao goberno municipal preocúpalle a entrada en proceso concursal da Compañía Industrializadora de Bacalao e a repercusión que a medida está a ter, primeiro no que aos empregados se refire, e segundo, polo impacto negativo na economía local. O desexo do goberno local é que Coinba resolva os problemas e adopte as medidas necesarias e posibles para sacar a flote a empresa e garantir a súa permanencia e actividade en Vilaxoán, así como o mantemento do plantel actual.
En canto a futura situación urbanística prevista no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal para a parcela na que se empraza actualmente Coinba, os munícipes lembraron que, tal como prevé a lei, calquera tipo de información respecto ao novo Plan é de materia reservada para todo o mundo ata o momento no que se abra o período de exposición ao público tras a aprobación inicial do documento. Este requirimento legal ten como obxectivo, precisamente, evitar a especulación a través de información privilexiada.
Ademais de poñerse a súa disposición para colaborar en todo o que se poida dende o Concello para evitar o peche da empresa, o goberno local e plantilla quedaron en manterse puntualmente informados de calquera trámite ou cambio que se vaia producindo na crise co obxecto de actuar de forma coordinada e coa maior axilidade posible.