CONCELLO
O Concello pecha as praias e as áreas recreativas e restrinxe o acceso aos cemiterios só para inhumacións ou exhumacións O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asinou hoxe unha nova resolución –a terceira dende o desencadenamento da crise sanitaria do Covid-19- pola cal se ordena o peche das praias e de todas as áreas recreativas do Concello, o que se une ás restricións de acceso, xa aprobadas, aos parques e instalacións lúdicas e deportivas municipais. Na resolución, o alcalde tamén ordena o peche dos cemiterios municipais, aos que só se poderá acceder nos casos de inhumacións ou exhumacións, pero non para labores de mantemento o simple visita.
17.03.2020. Na resolución de hoxe dáse forma xurídica aos acordos que onte adoptou a comisión de seguimento da crise, na que participan, ademais do alcalde, concelleiros e técnicos de diversas áreas do Concello. Así, de acordo coas instrucións do Ministerio de Facenda, polas que se aconsella anular os anuncios de licitación de procedementos, o Concello suspende os prazos de procedementos en curso como actos administrativos, xurídicos, fiscais, sancionadores, licenzas urbanísticas, matrícula de escolas infantís ou calquera outros. Os prazos volverán a estar en vigor unha vez que se levante o estado de alarma.
Por outra banda, o Concello comprométese a poñer en práctica as medidas que favorezan non liquidar os tributos municipais en aqueles contribuíntes que, mentres perdure a crise, non poidan utilizar os servizos municipais de escolas infantís, de música, conservatorio, mercadiño, terrazas de locais de hostalería e calquera outro similar. Igualmente, paralízase a aprobación de todos os padróns municipais e, paralelamente, os servizos técnicos estudarán como establecer beneficios fiscais –sexan exencións, bonificacións ou reducións- de taxas e impostos para aquelas persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan unha actividade comercial, industrial ou profesional que se vexan afectadas polas medidas decretadas a raíz da crise sanitaria
REFORZO DO SERVIZO DOS SERVIZOS SOCIAIS E DE LIMPEZA Na mesma resolución, a Alcaldía ratifica e incrementa a colaboración coas entidades de carácter social para atender ás persoas e familias máis desfavorecidas mediante a dotación recursos económicos, o que implica alimentación, descanso e todas aquelas que axuden a cubrir as súas necesidades básicas.
Por outra banda, o servizo de limpeza continúa traballando ao 100x100 de efectivos, pero destinando unha maior atención á desinfección das zonas de acceso a aqueles establecementos con maior afluencia de público –previstos no decreto de alarma nacional-, isto é: supermercados, farmacias, praza de abastos e tamén o comedor social de Cáritas.
Precisamente porque é necesario centrar os esforzos, o Concello decidiu suspender a recollida de voluminosos e facer un novo chamamento á cidadanía para que faga un uso racional do servizo de recollida de lixo. A crise sanitaria é un problema que abrangue a toda a cidadanía e toda ela debe colaborar na súa solución, a través das súas actitudes persoais e de solidariedade cos demais.