CONCELLO
O Concello permitirá ampliar as terrazas hostaleiras como medida excepcional que facilite a recuperación do sector Tras coñecer as fases de desescalada anunciadas onte polo Goberno do Estado, que permitirán a reapertura condicionada de restaurantes, bares e demais establecementos hostaleiros, o Concello de Vilagarcía decidiu flexibilizar a ordenanza de terrazas co obxectivo de facilitar e axilizar a recuperación deste sector tan importante para a economía local. O departamento de Urbanismo traballa xa na concreción dos criterios que permitirán ampliar a superficie total de vía pública que se poderá ocupar coas terrazas para garantir as normas de aforo e separación que estableza o Estado á vez que se permita aos establecementos dispor de maior capacidade de traballo. Trátase dunha medida excepcional ligada á recuperación económica tras a crise do COVID19.
29.04.2020.- A recuperación da actividade do sector hostaleiro terá como principal aliado as terrazas ao aire libre, dadas as restricións de aforo e separación que será preciso cumprir para previr posibles contaxios do coronavirus. Por iso, contar co maior número de mesas posible dentro destas limitacións é esencial para que o sector poida acoller un volume de clientela que, nuns casos, faga rendible volver a actividade nas circunstancias impostas pola pandemia, e noutros, para axilizar a súa recuperación. Non hai que esquecer que a hostalaría será o sector que máis tarde poida volver á normalidade.
Consciente desta situación e do importante peso relativo que a hostalaría ten na economía local de Vilagarcía, o executivo que preside Alberto Varela, flexibilizará a ordenanza de terrazas de forma provisional, permitindo a ocupación de maior superficie en base a diferentes alternativas segundo as características da rúa ou praza na que se atope o establecemento sempre que se dispoña de espazo suficiente e sexa factible. En todo caso, tamén se terá que garantir a accesibilidade dos peóns.
O goberno xa contactou con Ahituvi para informarlles desta decisión e tamén para coñecer as súas propostas ao respecto. A idea é dispor canto antes da norma para que bares, restaurantes e demais establecementos hostaleiros estean preparados en cada fase da desescalada. O colectivo quedou de concretar esta semana propostas no seo da organización para trasladarllas ao Concello a semana que ven.
Outras axudas
Compre lembrar o goberno de Vilagarcía traballa xa dende hai un par de semanas na elaboración de liñas de axudas económicas das que se poderán beneficiar o comercio local, os autónomos e a hostalaría.