FESTAS
O certame virtual dos Maios amosa a cara máis solidaria coa doazón de roscas a sanitarios e colectivos vulnerables O certame virtual da Festa dos Maios convocado pola Concellería de Cultura con carácter extraordinario dada a situación de confinamento polo COVID19 dáse por clausurada co remate do reparto a domicilio das roscas coas que o Concello agasallou aos participantes no certame. En total foron 325 as roscas distribuídas gratuitamente aos nenos e adultos que enviaron as coplas, as imaxes dos debuxos e dos maios propiamente ditos. E non so as recibiron os participantes, xa que por doazón expresa dalgúns deles, tamén chegaron roscas ao Hospital do Salnés, á residencia de anciáns Divina Pastora e á casa de acollida de Cáritas, poñendo de manifesto a dimensión solidaria que adquiriu este evento.
06.05.2020.- Nalgún caso, os participantes xa poñían de manifesto nas letras das súas coplas o seu desexo de que a rosca que lles correspondía se entregase no Hospital do Salnés, en recoñecemento e agradecemento á labor que está a facer o persoal sanitario a n xeral, como fixeron un grupo de amigos que mandou un vídeo interpretando a súa composición. Pola súa banda, os alumnos do colexio da Escardia cantaban que o doce que lles correspondía fose para os residentes e persoal do asilo. Outros participantes xa deixaban patente o seu donativo no propio email da inscrición no certame.
O Concello, a través da Panificadora Víctor Cordo e Hijos, á que se encargaron as roscas artesás, fixo as entregas tanto nos domicilios particulares como nestes centros, medida adoptada para facilitar o cumprimento das normas de confinamento e de distancia social.
Como xa se dixo o pasado 1 de maio, o resultado desta Festa dos Maios reconvertida ao formato virtual para manter esta ancestral tradición popular durante o confinamento foi un éxito dende todos os puntos de vista. Primeiro, porque se superaron as mellores expectativas de participación. E segundo polo efecto positivo que tivo no ánimo dos moitisimos vilagarciáns, segundo os propios participantes expresaron nos seus correos electrónicos e a través de cartas, como polas mostras de solidariedade ás que dou pé.