OBRAS E SERVIZOS
Vinte empresas concursan polo contrato da segunda fase do plan de asfaltados de camiños municipais O Concello de Vilagarcía recibiu un total de vinte ofertas de empresas interesadas en facerse co contrato da segunda fase do Plan de Asfaltados de Camiños Municipais do Concello de Vilagarcía. A administración municipal investirá 144.618 euros nesta obra que inclúe a mellora da rede viaria de camiños das parroquias de Rubiáns, Cornazo e Bamio e de lugares como A Laxe e Faxilde. Os traballos serán adxudicados tan pronto como os servizos técnicos avalíen as propostas técnicas e económicas. Mentres, segue aberto ata o 2 de xuño o prazo de presentación de ofertas para a primeira fase do mesmo plan, presupostada en outros 100.00 euros.
25.05.2020.- Coa execución do Plan de Asfaltados, o Concello pretende continuar avanzando na mellora e no mantemento da rede viaria municipal, especialmente a do entramado rural e da periferia. Os camiños incluídos no plan precisan dunha intervención debido ao desgaste da actual capa de rodadura, ou a que presentan afundimentos, fendas ou fochas. Os traballos aproveitaranse para ensanchar as vías naquelas zonas onde se levaron a cabo retranqueos para axustalas ás aliñacións previstas no PXOM, mellorando así as condicións da calzada e aumentando a seguridade viaria.
Nesta fase que está a piques de adxudicarse actuarase sobre camiños de Rubiáns (Rúa do Charco-Loenzo), Bamio (Travesía Nogueirido), A Laxe (Rúa Monte Xaquín, Quinteiro e Marmelo), Faxilde (Rúa do Xogo), Aralde Rúa de Aralde e Camiño Prata), e en Cornazo (Rúa Baixada a Pasos, Rúa A Pedra, Camiño da Balada, Rúa Veiga e Camiño dos Borrizos).
Os traballos a realizar consistirán no varrido inicial da superficie dos camiños, a mellora da capa de rodadura mediante asfaltado e a elevación das tapas de rexistro existentes. Cada unha das fases do plan de asfaltado e mellora de camiños ten un prazo de execución de 2 meses.