EDUCACIÓN
O Concello pon Fexdega a disposición da CIUG para que os estudantes do municipio poidan facer a ABAU en Vilagarcía O Concello de Vilagarcía pon a disposición da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) as instalacións de Fexdega para a celebración das probas de ABAU deste ano. A medida, que se enmarca na reestruturación das sedes para a realización dos exames de acceso universitario en toda Galicia como consecuencia da crise do COVID, pretende dividir as probas en grupos de menor número de alumnos e, no caso de Vilagarcía, evitar que os estudantes do municipio teñan que trasladarse fóra as tres xornadas que dura a ABAU. Tras unha primeira conversa, os termos definitivos nos que se desenvolverían as probas, así como a colaboración do Concello nas tarefas loxísticas aínda están pendentes de pecharse, para o cal a CIUG deberá presentar formalmente a proposta no Concello.
Nesta proposta, a Comisión deberá indicar o número de alumnos que se prevé28.05.2020.- que participen nas probas que se desenvolverán a principios de xullo e a procedencia dos mesmos, posto que cabe a posibilidade de que, ademais dos estudantes dos institutos de Vilagarcía poidan tamén vir os doutros centros da comarca. Así mesmo, deberán indicar os medios a utilizar e definir o protocolo de seguridade relativo ao coronavirus aprobado pola CIUG para a súa aplicación en todas as sedes da ABAU.
Para o Concello, que Vilagarcía volva a acoller as probas da ABAU é unha boa noticia, especialmente para os estudantes dos institutos da cidade que dende hai décadas teñen que trasladarse a Santiago ou Vigo para examinarse. Segundo a información proporcionada ao Concello, son uns 200 os alumnos vilagarciáns os que teñen previsto realizar o selectivo este ano. Pero a medida tamén sería beneficiosa para os estudantes doutros municipios da comarca, se finalmente tamén se lles asigna esta sede, posto que os traslados serán máis curtos.
A utilización do pavillón de Fexdega permite dispor de espazo máis que suficiente para gardar as distancias de seguridade entre pupitres e corredores, permitindo organizar un só grupo ou varios, en función das diferentes zonas do pavillón e do número de participantes, minimizando deste xeito o risco de propagación ou contaxio do coronavirus.