CONCELLO
A Biblioteca abrirá polas tardes durante os meses de verán A Biblioteca Municipal de Vilagarcía abrirá polas tardes este verán. O goberno local adoptou a medida para dar un maior servizo aos usuarios das instalacións culturais, especialmente agora que debido ás normas de distanciamento para a prevención do COVID, o aforo veuse reducido. O novo horario implantarase o mércores, 1 de xullo, día dende o que a Biblioteca abrirá de luns a venres polas mañás de 9 a 14 horas e polas tardes de 16 a 20 horas. Os sábados permanecerá pechada.
Os principais beneficiarios da apertura en horario de tarde serán os opositores e os estudantes universitarios que desexen preparar os exames de setembro nas instalacións da Biblioteca.
A Biblioteca mantén operativo todo o protocolo de protección fronte ao COVID tanto nas propias instalacións (cadeiras separadas a unha distancia de 1,5 metros) como no que se refire ás normas que deben cumprir os usuarios (uso de máscaras nos accesos e nos desprazamentos polo interior das instalacións, desinfección de mans co xel hidroalcohólico dispoñible no centro…) .