CONCELLO
O Concello propón converter o centro do Piñeiriño nunha gran zona verde e lugar de encontro para a veciñanza Converter o centro do Piñeiriño nunha gran zona verde para o esparexemento e goce dos peóns é a idea que o Concello de Vilagarcía propón para a humanización da parte central da Rúa Camilo José Cela. O deseño pensado para este populoso barrio devolve a rúa á escala humana e énchea de vexetación exótica a distintos niveis, ademais de vestila dunha atractiva e orixinal pavimentación a base de mosaicos. A proposta completaríase con iluminación ornamental e mobiliario urbano. Con esta actuación, o que xa é o centro xeográfico do barrio transformaríase tamén no corazón e nos pulmóns que inxectarían vida e dinamizarían ao Piñeiriño en toda a súa extensión. A zona humanizada converteríase nunha praza central ou lugar de encontro atractivo e acondicionado para devolver a vida ás rúas.
10.07.2020.- Antes de definir a proposta, o Concello estableceu unha serie de premisas ás que se debería axustar o deseño encargado ao arquitecto Mariano Vázquez, autor tamén do proxecto de Humanización da Praza de Galicia. Deixando da man do autor as características estéticas e construtivas, o deseño tiña que adaptar o espazo á escala humana e desterrar o coche co obxectivo de devolverlle a esencia de barrio. Fomentando as zonas de estar e de circulación peonil, este novo espazo favorecerá as relacións sociais de veciñanza.
O deseño tamén tiña que adaptarse aos escenarios de modificación do tráfico rodado no resto do barrio e permitir o acceso puntual de vehículos á zona obxecto desta actuación (para tarefas como carga e descarga, acceso a garaxes, vehículos de emerxencia…).
E por último, a proposta debía actualizar e contemporaneizar a imaxe da rúa -ancorada nos canons dos anos 70-80 cando as rúas se formulaban para dar servizo aos coches, colmatadas de edificios, con beirarrúas moi estreitas e sen zonas verdes-, introducir amplas zonas verdes e proxectar unha iluminación eficiente enerxeticamente e que realce a estética da zona.
Respectando estes criterios de partida, o deseño de Vázquez propón humanizar o tramo de Camiño José Cela en termos de completa accesibilidade para os peóns. O pavimento realizaríase con formigón de diferentes grosores, en función de si se trata dunha zona exclusiva de peóns ou si ten que soportar paso de vehículos, e con tratamentos diferenciados (texturas, cores e formas) que permitan combinarse para crear os mosaicos xogando coa repetición de formas xeométricas e motivos florais.
A vexetación configuraríase a tres niveis (baixo mediante o uso de plantas, a medio nivel con arbustos en un plano máis elevado, co árbores). Estas zonas verdes confinaríanse en parterres e xardineiras que permitan un minimizar as labores de mantemento e contarán con sistema de rego.
Plantas aromáticas, de froito e especies exóticas
Ademais da profusión de vexetación, esta especie de verxel xogaría co sentido da vista, introducindo especies que aportan gran variedade de colorido, e co do olfato, con plantas aromáticas e de froito. Así, o nivel máis baixo de vexetación, o que iría case ao ras do chan, comporíase de plantas como a cola de cabalo, citronella, lavanda, gardenia, arándano e grosellas vermellas, Crasuláceas e Suculetas de diversas variedades.
O nivel medio contaría con arbustos e plantas arbustivas como bambú, areca, aves do paraíso, palmito e pementos de tasmania, mentres que o nivel superior completaríase con árbores de certo porte como arces xaponeses, Delonix Regia, Strelitzianicolai e un tipo de palmeira denominado Yucca Elephantipes.
A proposta completaríase cunha iluminación humanizada, a base de sistemas de led empotrados no chan que formarían sendas de luz e resaltarían a arquitectura, as contornas naturais e as árbores; todo isto utilizando cores cálidos e que aporten un elevado confort visual.