FESTAS
O Combate Naval muda este ano en espectáculos pirotécnicos simultáneos en Vilagarcía, Vilaxoán e Carril A “nova normalidade” imposta pola pandemia do coronavirus tamén obriga a reinventar este ano as Festas de San Roque e, dentro delas, un dos seus eventos máis representativos e arraigados: O Combate Naval. Co obxectivo de manter a tradición de rematar as festas cun gran espectáculo pirotécnico, o Concello decidiu adaptalo ás actuais circunstancias para garantir as seguridade e reducir ao mínimo os riscos de transmisión do COVID. Por iso, para evitar a aglomeración de persoas nunha zona concreto, este ano haberá tres espectáculos pirotécnicos simultáneos en Vilagarcía, Carril e Vilaxoán. Ademais, todas as lucerías serán aéreas para facilitar a súa visibilización dende unha maior área xeográfica.
13.07.2020.- Para dispersar aos espectadores, os fogos de artificio lanzaranse en Vilagarcía dende o peirao do Ramal, e en Carril e Vilaxoán, dende os seus respectivos peiraos. Como se dixo, toda a lucería será aérea: non haberá fogos acuáticos nin terrestres polo que a xente non terá que achegarse nin concentrarse nas zoas próximas aos puntos de lanzamento. Ademais, tratarase de darlle a maior altura posible aos foguetes para que teñan un maior alcance de visualización. A duración do Combate Naval tradicional en Vilagarcía varía entre os 22 e os 28 minutos. Nesta ocasión, e dado que haberá espectáculo en tres puntos diferentes, a duración mínima será de 15 minutos en cada un deles, para o cal deberá utilizarse 785 quilos (netos) de pólvora, cifras ámbalas dúas que poder ser melloradas polas ofertas das empresas.
Todas estas especificacións están recollidas no prego que o Concello vén de sacar a licitación para contratar o espectáculo pirotécnico con que se pecharán as festas de San Roque 2020 o día 22 de agosto. Ademais, os ofertantes deberán presentar os plans de seguridade para cada un dos puntos. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 23 de xullo para presentar as súas propostas. O Concello destina ao espectáculo pirotécnico 39.930 euros (impostos incluídos).
A Concellería de Cultura ultima estes días o programa das festas de San Roque, unha programación que, como xa se dixo, adaptarase á “nova normalidade” con fórmulas e propostas que fan compatible a realización dunha oferta lúdica e de divertimento coas normas de seguridade contra o COVID. O programa presentarase nos vindeiros días.