AVISOS
Sanidade desaconsella temporalmente o baño na praia do Preguntoiro O Servizo Municipal de Emerxencias izou ás dúas desta tarde a bandeira amarela na praia do Preguntoiro para advertir aos usuarios do areal de que se desaconsella o baño de forma temporal. A medida adoptouse apenas quince minutos despois de que a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade comunicase por teléfono ao Concello a “non recomendación de baño” en base aos resultados dunha mostraxe tomada o pasado martes cuxa analítica rexistrou unha concentración microbiolóxica por riba dos parámetros estabñecidos. Dado os prazo transcorrido, dous días, como xa o fixera o alcalde nun episodio anterior, o Concello demanda máis axilidade á Xunta á hora de realizar e comunicar os resultados das analíticas en plena temporada de baño cando os resultados esixen a adopción de medidas ou pode estar en risco a saúde das persoas.
30.07.2020.- O Concello adoptou as medidas requiridas tan pronto como tivo coñecemento da situación, izando a bandeira amarela e colocando carteis informando da non recomendación. Maila isto, dado que o episodio que provoca que se desaconselle o baño produciouse o martes sen que nin usuarios nin Concello tiveran coñecemento do mesmo, pídese á Xunta que modifique os protocolos e axilice o procedemento e comunicación para evitar, de ser o caso, posibles riscos aos bañistas e tamén os prexuízos que supón para o Concello e para a propia praia ter izada a bandeira amarela durante varias xornadas sen saber o estado real das augas. Isto sucede porque, no mellor dos casos, aínda haberá que esperar outros dous días a coñecer o resultado da contraproba, prazo que pode prolongarse ata os catro oun cinco días por atoparnos a finais de semana e ter de por medio o sábado e domingo, dous días non laborais. Isto foi o que aconteceu nun episodio anterior na Compostela hai unhas semanas, e polo que xa o alcalde se dirixira aos responsables de Sanidade demandando un protocolo máis áxil que permita dispor de datos fiables e das contraanálises no menor tempo posible.
O Concello, pola súa banda, investigará a causa da concentración microbiolóxica para actuar en consecuencia, adoptando as medidas que procedan si están na súa man e son da súa compet encia ou de facer as xestión oportunas ante os organismos ou administracións ás que correspondan.