ECONOMÍA
O goberno local insta aos socios de Coinba a chegar a un acordo para garantir a continuidade da empresa en Vilaxoán O goberno de Vilagarcía reitera a súa disposición a facilitar calquera acordo que permita a continuidade da actividade da Compañía Industrializadora de Bacalao (Coinba) en Vilaxoán e así llo transmitiu aos representantes dos traballadores, con quen o alcalde, Alberto Varela, está en permanente contacto. Ao mesmo tempo, dende o executivo local faise un chamamento á responsabilidade social dos empresarios e ínstaos a que cheguen a un acordo que garanta o futuro dunha empresa tan ligada á Vilaxoán.
10.09.2020. Se, como se supón, dous terzos dos accionistas están de acordo en que entren novos inversores e, con iso, se abra unha nova etapa na empresa, o lóxico –sostén o goberno local- é que as dúas partes tenten chegar a un acordo que será beneficioso para todos: para os que teñen as accións, para os traballadores e as súas familias, e para Vilaxoán, que así manterá viva a última empresa ligada á transformación dos produtos de mar.
O goberno local estima que a compañía ten futuro, e niso coincide coa visión dos traballadores e ata co que relatou unha auditoría, por iso urxe chegar a unha solución. A marca Coinba ten un certo prestixio e as noticias sobre a incerteza sobre a súa continuidade ou a situación actual, de concurso de acredores, non contribúen precisamente a consolidar a súa reputación como marca.