DEPORTE
A Fundación adxudica as obras de nivelado do terreo de xogo do campo de fútbol de Berdón A Fundación Municipal de Deportes do Concello de Vilagarcía vén de adxudicar os traballos de nivelado do terreo de xogo do campo de fútbol de Berdón á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa (Marconsa). A obra ten como obxectivo arranxar a zona do tapiz de herba artificial, que presenta un afundimento debido ao repisamento do terreo, para nivelalo co resto do terreo de xogo. A Fundación inviste nesta actuación 13.915 euros.
22.09.2020.- Os traballos teñen un prazo de execución de sete días e se desenvolverán aproveitando que os clubs deportivos que fan uso desta instalación municipal aínda non retomaron a actividade en espera a de que a Federación concrete os protocolos de seguridade a aplicar e aprobe o calendario de competicións. Os traballos comezarán una vez que a empresa presente a documentación necesaria para proceder á sinatura do contrato.
Para corrixir a depresión do campo, desmontarase o equipamento deportivo na área afectada, escavarase e sanearase debidamente o terreo para, posteriormente realizar o necesario recheo, estendido do material, nivelación e compactación. Por último reporase o pavimento de herba artificial similar a do resto do terreo de xogo e se volverán a montar as canaletas, substituíndo as pezas danadas. Os materiais retirados serán trasladados a unha planta autorizada para a xestión e reciclaxe dos mesmos.
Coa realización destes traballos o terreo de novo volverá a atoparse en perfecto estado para a práctica deportiva, eliminando a problemática e incluso os riscos de lesións que tiña este afundimento nunha parte do campo.