CULTURA
A mezzo soprano rusa Aigul Akhmetshina protagoniza o segundo concerto da tempada da SFV O ciclo musical organizado pola Sociedade Filarmónica de Vilagarcía fai mañá no Auditorio Municipal a segunda escala da tempada cunha gala lírica protagonizada pola xoven mezzo soprano rusa Aigul Akhmetshina que, para a ocasión, contará co acompañamento ao piano de Olga Kobekina. O programa do concerto inclúe composicións de Falla e arias de óperas de Rossini ou Bizet. O concerto comeza ás 21:00 horas e a entrada é de balde para os socios da SFV. Para o resto do público, os billetes custan 18 euros e poderanse mercar no propio Auditorio dende unha hora antes do inicio do concerto.
23.09.2020.- Con tan so 24 anos de idade, Akhmetshina é unha das voces máis prometedoras do panorama lírico actual. Nada no seo dunha familia modesta dunha pequena localidade da República de Baskortostán, nos Urais rusos, a súa carreira dou un salto inesperado cando a invitan a unha audición para participar no programa para xóvenes cantantes do Covern Garden en Londres, onde se presenta grazas á axuda de sponsors locais e case sen coñecementos de inglés.
A súa extraordinaria voz -é unha das poucas mezzos de coloratura, cun rexistro e timbre únicos- fixeron que destacase moi pronto, chegando a debutar na Royal Opera House londinense no rol de Carmen, na ópera de Bizet, sendo a cantante máis nova en interpretar este papel neste lendario escenario. Dende ese momento, a súa carreira dispárase con actuacións nos teatros de ópera máis importantes do mundo. Entre os seus compromisos máis recentes destacan a participación na Novena de Beethoven que Gustavo Dudamel dirixiu no Palau da Música de Cataluña e no Teatro Real de Madrid, xusto a fin de semana anterior ao recital de Vilagarcía.
Para o concerto de mañá, Akhmetshina interpretará obras de Falla e de varios compositores rusos que se inspiraron en España para compoñer as súas creacións. A segunda parte do programa incluirá unha selección de arias das óperas máis coñecidas como “El Barbero de Sevilla”, de Rossini ou os números de “Carmen”, de Bizet que a lanzaron ao estrelato lírico.
A súa acompañante, a pianista Olga Kobekina, tamén nacida nunha república dos Urais, actualmente desenvolve a súa labor profesional en Barcelona, ligada a institucións como o Teatro do Liceu e o seu conservatorio.