PATRIMONIO
O edificio nobre do Concello será obxecto dunha posta a punto interior e exterior O edificio nobre do Concello, cuxa construción data do ano 1889, será obxecto dunha actuación de posta a punto que afectará tanto ás zonas interiores como ao exterior do inmoble. A Xunta Local de Goberno aprobou esta semana a memoria valorada da actuación, orzamentada en 38.409 euros, que prevé pequenos arranxos e acondicionamento estético de fachadas, paredes, solos, teitos, portas e calefactores. O edificio está catalogado, razón pola cal o Concello concorre á liña de axudas que oferta a Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural dos concellos da provincia.
24.09.2020.- A parte antiga do edificio municipal no que se centran as obras alberga na planta baixa as dependencias de portería e varios despachos, así como a entrada principal, que da acceso á planta superior a través das vistosa escaleira imperial de canteira con balaustrada e pasamáns de madeira labrada. O primeiro andar acolle o salón nobre, a sala de xuntas de goberno, o despacho do Alcalde e demais dependencias da Alcaldía e outros tres despachos. O estado actual do edificio é bo, polo que os traballos previstos limitaranse a labores de mantemento e conservación que afectan basicamente ao aspecto, acabados e condicións de habitabilidade e confort das instalacións.
A actuación prevé o saneamento e pintado do exterior do inmoble, e tamén de todos os paramentos verticais do interior (paredes, zócalos e rodapés). Tamén se acondicionarán e pintarán os teitos e se repararán as antigas portas de madeira con labores de lixado, recuperación de volumes, aplicación de tratamentos e pintado ou vernizado final. Todo o edificio conta con pisos de madeira que se repararán -substituíndo os listóns deteriorados-, pulirán e volverán a vernizar. Por último, tamén se desmontarán os vellos radiadores de fundición para repintalos e volver a colocar.
O edificio orixinal do consistorio vilagarcián é un proxecto do arquitecto Domingo Sesmeros construído en 1889. Ao longo dos anos sufriu varias modificacións e ampliacións, a parte nobre mantén a súa estrutura e estética inicial. O edificio está incluído no catálogo municipal de bens e conta cunha protección de grao elemental, que permite realizar obras de acondicionamento e reestruturación interiores, pero obriga a respectar o exterior. Maila que a actuación proxectada consiste en obras menores de mantemento e conservación, o Concello deberá solicitar autorización á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.