EMPREGO
O Concello e Fundivisa poñen en marcha un plan de formación especializada para traballadores con compromiso de contratación O salón nobre de Ravella acolleu esta mañá a firma do convenio de colaboración subscrito entre o Concello de Vilagarcía e a empresa Fundivisa para poñer en marcha un plan de formación especializada para traballadores. O Concello financia a curso que se impartirá nas dependencias da propia empresa sita no Pousadoiro e a fundición asume o compromiso de contratación dun mínimo do 30% dos alumnos unha vez rematen a formación.
26.10.2020.- O alcalde, Alberto Varela, e o general mánager de Fundivisa, Juan Antonio Moreira, asinaron o convenio promovido a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe Alba Briones. O rexedor agradeceu a dispoñibilidade de Fundivisa á hora de participar nesta iniciativa piloto coa que o Concello pretende axudar ás empresas a contar de maneira áxil e eficaz con persoal cualificado nos seus procesos de produción e, por outro, incentivar a creación de emprego e o descenso da taxa de paro no municipio.
Pola súa banda, o responsable de Fundivisa puxo en valor e agradeceu a iniciativa municipal explicando que as tarefas que hai que desempeñar en empresas como a súa non se aprenden en ningunha escola ou en ningún ciclo de FP porque son moi específicas e os centros non dispoñen da maquinaria que utilizan as fábricas. Moreira Gómez engadiu que e a formación práctica é imprescindible para as empresas á hora de contratar, xa que o que se quere e contar con traballadores que xa saiban desempeñar ás funcións necesarias. Por iso este curso de formación é esencial e moi positivo tanto para os traballadores que queiran traballar nunha empresa metalúrxica ou de fundición, como para as propias empresas.
A formación que financia o Concello será impartida por unha empresa especializa en base ao programa de necesidades acordado con Fundivisa. Constará de 90 horas de formación teórica e práctica, que se impartirá nas dependencias da fundición no Pousadoiro. A participación é de balde para os alumnos que terán que ser traballadores en situación de desemprego e do municipio vilagarcián. Ofértanse 15 prazas e os interesados dispoñen do prazo dunha semana para presentar os seus currículos na Oficina de Orientación Laboral do Concello. A selección dos alumnos a realizará unha comisión mixta composta representantes de Fudivisa e do Concello. Ao remate da formación, a empresa contratará ao 30% dos participantes a xornada completa e por un período mínimo de 3 meses e con expectativas de continuidade, aparte da formación e da práctica laboral adquirida que lles será moi positiva á hora de acceder a un posto de traballo en calquera outra empresa do sector.
Primeira das moitas iniciativas resultantes da Mesa Setorial
Esta iniciativa enmárcase nas liñas estratéxicas que o Concello de Vilagarcía acordou poñer en marcha como consecuencia das conclusións das reunións mantidas con empresas e industrias do municipio na Mesa Sectorial creada o ano pasado. Este órgano de diálogo permanente entre a administración e o tecido empresarial tiña como obxectivo abordar as demandas e necesidades que ten este sector para poder desenvolverse de forma competitiva e dinamizar así a economía local.
Unha das principais reivindicacións era a da formación especializada para os procesos produtivos que desenvolven as empresas afincadas en Vilagarcía e que non estaban a proporcionar os ciclos formativos existentes. Ademais de traballar na xestión ante a Consellería de Educación dunha oferta educativa regrada adaptada ás necesidades empresariais e industriais da zona, o Concello decidiu ir avanzando coa posta en marcha de iniciativas de formación específicas para diferentes tipos de industrias. A primeira é que se pon en marcha con Fundivisa, unha empresa de fundición, e que o goberno local pretende estender a outras actividades, para o que espera contar coa colaboración doutras empresas.