CONCELLO
Vilagarcía é un dos 6 municipios que integran a comisión nacional do proxecto internacional “A cidade dos nenos e das nenas” Vilagarcía de Arousa é un dos seis municipios elixidos para integrar a Comisión Nacional creada pola Rede Española do Proxecto Internacional “A cidade doas nenas e dos nenos”. A concelleira de Urbanismo e Mobilidade, Paola María será quen represente ao municipio vilagarciá neste novo órgano que terá como misión traballar xunto do laboratorio internacional na coordinación de proxectos a desenvolver no territorio español en base ás directrices do movemento que ten como máximo expoñente a Francesco Tonucci. Xunto con Vilagarcía traballarán nesta comisión os municipios de Huesca, Gandía, Fuerteventura, Carbajosa de la Sagrada e Picanya.
17.11.2020.- A creación deste novo órgano decidiuse no transcurso da reunión virtual da Rede Nacional celebrada o pasado 3 de novembro na que participaron 33 municipios, universidades e museos das ciencias de oito comunidades autónomas, e no que tamén interveu o propio Tonucci.
O obxectivo deste encontro foi propiciar un espazo de intercambio sobre as experiencias desenvolvidas en tempos de pandemia nas cidades e municipios españois baixo as directrices e criterios do movemento consistente en gañar espazos públicos plenamente humanizados onde os nenos e as nenas sexan os protagonistas, sentíndose seguros e podendo xogar, fomentar as relacións sociais, a creatividade, a actividade física nas rúas, como se facía hai décadas, cando os vehículos non copaban a maior parte das cidades.
Con esta filosofía traballa o Concello de Vilagarcía nos últimos cinco anos a través de diversas iniciativas promovidas polo departamento que dirixe Paola María Mochales pero que se desenvolven transversalmente, implicando a outras áreas municipais: peonalizacións, humanizacións, obras de accesibilidade, calmados de tráfico, rexeneración de espazos degradados, son algunhas das liñas de traballo neste senso.
A posta en común das iniciativas levadas a cabo nas actuais condicións dun mundo en pandemia, permitiu a Tonucci compartir na reunión virtual as súas reflexións en torno ás propostas que xurdiron dende o proxecto para as cidades, a escola, para o contorna das clases e, sobre todo, para repensar o xogo nos espazos públicos. O promotor de “A cidade dos nenos e das nenas” anticipou que toda esta información aparece no seu novo libro “Pode un virus cambiar a escola”, onde recolle dúas das experiencias desenvolvidas por cidades da rede española.
Mochales explicou que que Vilagarcía forme parte da comisión nacional quen traballará xunto co laboratorio internacional na planificación e coordinación de proxectos “é un orgullo para a nosa cidade posto que é un xeito de recoñecer a labor que se está a facer na execución do proxecto ‘A cidade dos nenos e das nenas’ e permitiranos están na vangarda das iniciativas que se vaian a desenvolver tanto no ámbito nacional como internacional de cara a inspirar novos proxectos a realizar en Vilagarcía para continuar avanzando cara unha cidade máis amable e sostible, onde o cidadán sexa o principal e máximo protagonista”.