CULTURA
Clasclás elixe a un prestixioso trío de Praga para dirixir a edición de 2021 baixo o lema “Carpe diem!” A cuarta edición do Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía de Arousa, clasclás, xa está en marcha e o fai elixindo ao prestixioso trío Guarneri, de Praga, para levar a dirección musical. Trátase dunha formación con 35 anos de experiencia e con numerosos premios internacionais. A causa da pandemia, no clasclás 2021 non haberá programa de YAP (dirixido a xoves promesas) pero si un plan pedagóxico “posible” e, por suposto, moitos concertos. Todo baixo o lema “Carpe diem!” (vivamos o momento).
02.12.2020. O clasclás do vindeiro ano se desenvolverá entre o sábado 26 de xuño e o domingo 4 de xullo. Foi presentado hoxe polo alcalde, Alberto Varela, na compaña da directora do conservatorio e tamén responsable técnica do festival, Rosina Sobrido, e o presidente da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía, José Luis Sanz, ademais dos concelleiros de Educación e de Cultura, Miro Serén e Sonia Outón.
Foi precisamente Serén quen contextualizou o novo formato do certame. “Nestas circunstancias absolutamente excepcionais e únicas, desde Vilagarcía propoñemos un festival baixo o lema universal Carpe diem, novamente coa música como elemento de unión e con especial atención aos artistas, aqueles xa consagrados que dirixen nesta ocasión o certame, e os máis noveis, que os acompañarán no seu desenvolvemento”, explicou.
O concelleiro de Educación lembrou que os intérpretes están “duramente golpeados nestes intres e de forma moi desigual, representación de dúas caras moi visibles e opostas desta pandemia”. Por iso, agregou, “sirva esta IV edición para unir e reivindicar o dereito de todos á educación, á cultura e sobre todo á vida, dereitos fundamentais que debemos preservar”.
Pola súa banda, a directora do conservatorio salientou o feito de que o trío Guarneri, de Praga, teña aceptado a dirección artística do clasclás. Esta formación está composta por Čeněk Pavlík, violín, Marek Jerie, cello e Ivan Klanský, piano. Klansky é un dos máis reputados pianistas do mundo, decano da academia de música de Praga e, xunto con Jerie, catedrático de formación musical na universidade de Lucerna. Os seus premios son tan numerosos como aplaudidas as súas gravacións, polo que, sen dúbida, a súa asistencia a Vilagarcía será tamén un reclamo para o festival e para a cidade.
Rosina Sobrido explicou que tanto a dirección artística coma a técnica, dende o Concello, xa están traballando na confección dun programa no que se buscará atraer a novos públicos, manter algunhas experiencias como a deste ano, no que se levou un concerto ao castro de Alobre ou á praia, sen esquecer nunca as medidas de seguridade que estean vixentes en cada momento pola pandemia.
Por último, o alcalde, ademais de agradecer o gran traballo do conservatorio, da sociedade filarmónica e agora tamén do trío Guarneri, subliñou, como xa o fixo noutras ocasións, a gran cantidade de eventos e de gran calidade que cada ano se celebran en Vilagarcía. Igualmente, fixo unha reivindicación da cultura, precisamente agora, en tempos de pandemia, non só polo que significa de manter vivo o ánimo dos veciños senón e especialmente polo que representa de apoio aos creadores e aos intérpretes.