CONCELLO
O Concello programa máis melloras nos postos exteriores da Praza de Abastos As numerosas melloras levadas a cabo nos últimos ano no edificio da Praza de Abastos para modernizala e adaptala ás últimas normativas sanitarias e de accesibilidade continuarán en 2021. Tras a reforma interior do mercado público e a substitución da cuberta da Praza da Verdura, o Concello de Vilagarcía programa agora volver a actuar nos postos exteriores, os que se abren á rúa. As actuacións previstas comezarán coa mellora dos sistemas de desaugue para, máis adiante, seguir coa implantación de sistemas de auga quente nos espazos dedicados á venta de produtos de alimentación.
14.01.2021.- A primeira actuación a levar a cabo será a relativa aos sistemas de desaugue, posto que se levará a cabo coa obra de ampliación e reforma da beirarrúa anexa ao edificio de Abastos pola rúa Alexandre Bóveda para adecuala á nova configuración do mercado ambulante, tal como se anunciara no seu día. Aproveitando estes traballos, o Concello dotará a todos os postos exteriores da Praza de instalación individualizada de desaugue, con sumidoiros propios e independentes en cada cubículo e que irán conectados directamente á rede de saneamento.
Esta mellora levarase a cabo nos vindeiros meses xa que na actualidade o proxecto de ensanche de beirarrúas e instalación de medidas de calmado de tráfico en Alexandre Bóveda está en fase de redacción dos pregos que permitan sacar a licitación das obras orzamentadas en 88.000 euros e para os que o Concello xa ten reservada unha partida económica.
Máis adiante, os plans municipais pasan porque os establecementos dedicados á venta de produtos de alimentación situados nos postos exteriores conten tamén con instalación de auga quente, actuación que se abordará previamente cos titulares das concesións afectadas.