MEDIO AMBIENTE
O Concello reciclou 259 toneladas de madeira procedentes da recollida de residuos voluminosos No marco das distintas medidas adoptadas para avanzar cara a óptima xestión dos residuos sólidos urbanos, o Concello de Vilagarcía de Arousa puxo en práctica en 2019 un servizo específico de reciclado da madeira procedente da recollida de voluminosos. O ano pasado obtivéronse 259.200 quilos de madeira resultante de mobles e aveños desbotados pola cidadanía e que, a través desta acción, tiveron unha segunda vida como materia prima na industria madeireira. Deste xeito, ademais de reducir a cantidade de lixo a xestionar polo Concello, co conseguinte custe, incídese nun comportamentos sostible ambientalmente que contribúe a frear a tala de árbores.
28.01.2021.- Aínda que a contribución do Concello de Vilagarcía pode parecer insignificante a nivel global, o concelleiro de xestión de residuos, Lino Mouriño, sinala que “con pequenos xestos, á larga conséguense grandes cousas. E si isto que agora facemos nós, acabámolo facendo todos, si tería unha boa repercusión”.
A posta en marcha do reciclado de madeira residual non ten custe económico para o Concello grazas ao convenio de colaboración subscrito coa empresa Finsa. Os residuos que a empresa concesionaria do lixo en Vilagarcía obtén a través do servizo de recollida de voluminosos -que se presta o primeiro e terceiro martes de cada mes-, lévanse ao Punto Limpo onde se separan as partes de madeira. O mesmo proceso faise cos materiais e aveños que os particulares levan directamente ás instalacións de Pinar do Rei. A propia Finsa encárgase de recoller periodicamente a madeira almacenada no Punto Limpo e de trasladala as súas plantas, onde os restos áchanse, curtan e trituran para ser procesados e transformados en diferentes produtos: taboleiros de conglomerado, listóns, pezas de madeira…, etc. A empresa madeireira corre cos custes do transporte polo que ao Concello non lle supón ningún desembolso económico. Pola contra, si se obtén un beneficio indirecto ao ver reducido o volume de lixo por cuxa xestión hai que pagar. En concreto, en 2020 aforráronse 46.723 euros grazas ao reciclado desta madeira.