MEDIO AMBIENTE
O estudo de Areeiro constata o mal estado de seis árbores do parque de Celso Emilio Ferreiro e recomenda a súa tala O estudo realizado pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro ás árbores do parque Celso Emilio Ferreiro conclúe coa recomendación de retirar 6 dos 20 exemplares existentes, debido ao mal estado sanitario que presentan. O Concello solicitou a intervención dos técnicos Areeiro tras a caída dun chorón hai uns meses.
08.02.2021.- Os estudos realizados detectaron varias afeccións nas árbores, coma podremia, pés ocos, partes secas, colonias de fungos e desequilibrios nas estruturas, varias das cales se repiten en todas elas. A debilidade causada por estas afeccións, sumada á que chega naturalmente co paso dos anos, supón un risco moi elevado de rotura de ramas e incluso de que troncen os propios pés nunha zona de esparexemento moi frecuentada. Por esta razón o Concello ten previsto realizar as talas tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan. Mentres, manterase precintada a zona.
A decisión de cortar estas seis árbores (tres choróns e tres chopos) está avalada por un completo estudo realizado, a petición da Concellería de Parques e Xardíns, polos técnicos da estación fitopatolóxica dependente da Deputación de Pontevedra, e que consistiu na realización de varias probas. Tras a inspección visual inicial, os técnicos realizaron probas de densidade a todas as árbores do parque utilizando un resistógrafo, e tamén se tomaron mostras para analizar no laboratorio. A suma de todas elas plasmouse no documento con valoracións individualizadas de cada árbore e coas conclusións que se apuntan.
Unha vez se dispuxo do informe, o concelleiro de Parques e Xardíns, Diego García, mantivo unha reunión coa responsable do servizo de Areeiro, Carmen Saliniero e técnicos da estación, para avaliar os resultados e determinar as medidas a adoptar. A maiores de recomendar a eliminación desas seis árbores, tamén se acordou facer seguimento periódico do resto das árbores do parque e realizar unha vixilancia especial tras fenómenos adversos que puidesen agravar o estado dos mesmos.
Debido ao porte das árbores e ao seu emprazamento, en plena zona urbana, a tala deberá realizarse con cortas en altura, para ir retirando as ramas de xeito controlado e, posteriormente, os troncos por tramos. Será preciso o uso de grúas e arneses cos que ir suxeitado os elementos que se cortan. Por iso, será necesario esperar a que melloren as condicións meteorolóxicas.
Dado que a tala de árbores en parques e zonas públicas é un proceso que debe realizarse periodicamente como consecuencia lóxica do ciclo vital dos propios exemplares, que como as persoas se debilitan e enferman co paso dos anos ata que morren, a concellería de Parques e Xardíns segue unha política de substitución das vellas árbores que se van retirando por outros exemplares novos. Neste caso, os tres choróns que se eliminan da beira do río substituiranse por freixos, seguindo a liña dunha actuación anterior, e na zona da rúa optarase por especies de menor porte e máis ornamentais.