POLICÍA LOCAL
A Policía cursou 315 denuncias covid dende o inicio do actual estado de alarma, o 20 de outubro As labores de control e vixilancia que a Policía Local de Vilagarcía está levando a cabo para garantir o cumprimento da normativa sanitaria da loita contra o COVID saldouse con 315 propostas de sanción tramitadas dende a entrada en vigor do actual estado de alarma, o pasado 20 de outubro, e ata o día de onte. Dada a situación que estamos a vivir coa pandemia nesta terceira onda, dende o Concello prégase aos veciños o máximo respecto ás medidas preventivas para, entre todos, poder frear o avance da enfermidade que está saturando hospitais e pola que segue a morrer xente cada día. Por esta mesma razón, a Policía Local continuará vixiando e denunciando a quen faga caso omiso as advertencias e poña en risco a saúde colectiva.
09.02.2021.- Aínda que o cómputo das propostas de sanción estase a facer dende o inicio do estado de Alarma, a desagregación por tipo de infracción remóntase ás festividades de Nadal. Dende o 24 de decembro téñense cursado 146 denuncias, das que as máis frecuentes foron por incumprir os horarios do toque de queda (47) e por saltarse os peches perimetrais que limitan a mobilidade entre concellos (41). Dende esa mesma data e ata o día de onte tamén se dou parte de 20 persoas que non levaban a máscara de obrigado uso e se denunciou a outras 18 por participar en botellóns. Por último, cursáronse 13 propostas de sanción contra establecementos hostaleiros por diferentes causas que incumprían as normas de seguridade anti covid para o uso deste tipo de establecementos (distancias de seguridade, consumir no interior e na barra cando non estaba permitido, funcionamento de terraza cando non se permite o seu uso….). E por último, tamén se tramitaron outras 7 denuncias por reunións de persoas non conviventes.
O importe das sancións por incumprimento das normas covid varía en función de que a infracción denunciada sexa consideraba como leve, grave ou moi grave. As leves poden chegar aos 100 euros, as graves ata os 600 e as moi graves ata os 3.000 euros. A contía das mesmas, sobre todo nos casos das graves e das moi graves, dependerá da estimación do órgano sancionador así como doutros aspectos, como si se trata dunha actitude reincidente por parte dun mesmo infractor. Nestes casos optarase por sumas máis elevadas que, son acumulativas do número de denuncias cursadas.