INFRAESTRUTURAS
O Concello proxecta a reordenación do tráfico no polígono de Trabanca Badiña e melloras no sistema de extinción de lumes O Concello de Vilagarcía de Arousa continúa traballando na mellora das infraestruturas industriais do municipio co obxectivo de ampliar a dotación e mellorar os servizos das zonas empresarias nas que se asenta parte da actividade produtiva e económica da cidade. A seguinte actuación programada afectará ao parque de Trabanca Badiña, onde se pretende reordenar o tráfico interno para gañar zonas de estacionamento e tamén ampliar os medios de loita contra os lumes. O investimento necesario para levar a cabo estras dúas actuacións ascende a 30.159 euros para cuxo financiamento o Concello solicitou unha achega a través da liña de axudas que acaba de convocar a Xunta de Galicia para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia.
11.02.2021.- reordenación do tráfico que se propón pretende gañar prazas de aparcamento para os traballadores e usuarios do parque empresarial, así como habilitar novas zonas de carga e descarga que faciliten o funcionamento da actividade empresarial. Estes obxectivos conseguiríanse instaurando a sentido único de circulación nas vías interiores do parque, que actualmente son teñen dous carrís para circular en ambos sentidos. A actuación completaríase co pintado da sinalización horizontal e a colocación da sinalización vertical correspondente. O proxecto ten un custe de 16.670 euros.
En canto á mellora dos sistemas de extinción de incendios, proxéctase a instalación de 9 bocas de incendios que se sumarían ás 3 existentes na actualidade e que resultan insuficientes para cubrir as necesidades do parque empresarial que ten 70.000 metros cadrados de superficie e no que están instaladas 30 firmas, das cales 4 presentan un risco medio de incendio e unha un risco alto.
Os hidrantes soterraríanse nas beirarrúas para non entorpecer a accesibilidade e dispersaríanse por todo o parque para cubrir toda a superficie da forma máis eficaz. Terán un caudal mínimo ininterrompido de 500 litros por minuto e unha presión de5 quilos por metro cadrado. Alomenos un dos hidrantes terá unha boca de saída de 100 milímetros. Esta actuación está presupostada en 13.488 euros.
O Concello terá que esperar á resolución das axudas solicitadas a través das concellerías de Promoción económica e de Obras e servizos para contratar os proxectos.
Estas actuacións enmárcanse na liña de mellora das zonas empresariais que está desenvolvendo a Concellería de Promoción Económica para facilitar a actividade das empresas de Vilagarcía e contribuír a elevar a súa competitividade no ámbito que lle corresponde á administración pública municipal. Con anterioridade a estas medidas, o Concello tamén instalou hidrantes no polígono industrial de Bamio e está traballando na mellora da sinalética informativa do parque.
As actuacións mencionadas son froito do contacto permanente que a concelleira de Promoción Económica, Alba Briones, mantén co sector empresarial a través das mesas de Traballo que se organizan periodicamente e tamén das visitas realizadas ás propias empresas, como a realizada o ano pasado a varias firmas de Bamio polo alcalde, Alberto Varela coa concelleira.