FESTAS
O Entroido de Vilagarcía pervive nas redes sociais coas 161 máscaras presentadas ao certame virtual O certame Virtual de Máscaras convocado pola Concellería de Cultura para manter a chama prendida do Entroido tamén en tempos de pandemia, contou coa complicidade de moitas familias do municipio que se sumaron á iniciativa colaborando cos seus fillos na confección deste típico elemento carnavalesco. Ao peche do prazo de presentación de traballos, ás 12 da noite do domingo, tíñanse recibido 161 máscaras, moitas das cales xa se están a difundir a través da conta de facebook do Concello.
15.02.2021.- Cada participante optou pola tipoloxía que máis lle gustou, por iso entre os traballos presentados hai máscaras que ocultan toda a cara, antefaces e tamén máscaras sanitarias. Incluso hai traballos que combinan antefaces con máscara sanitaria ou máscara de cara con máscara sanitaria. Todas elas destacan pola orixinalidade e creatividade amosada polos seus autores, e tamén polos seus gustos e preferencias. De feito no mostrario podemos atopar dende antefaces e máscaras inspirados no carnaval de Venecia, ata os que recrean a superheroes e seres monstruosos ata animais.
Polo simple feito de ter participado e contribuír a manter o espírito do Entroido pese as restricións sanitarias que este ano impiden festexalo na rúa e de xeito multitudinario, como é costume, cada un dos autores das máscaras recibirán como agasallo un exemplar dunha edición especial do cómic dos Bolechas dedicado ao Entroido de Vilagarcía.
Os participantes poderán pasar polo Auditorio a recoller o seu libro entre o 18 de febreiro e o 30 de abril en horario de atención ao público, un prazo amplo para garantir que todos teñan tempo para levarse o agasallo e sen que se produzan aglomeracións.
Por outro lado, as persoas que se queiran disfrazar e queiran desfilar polas redes sociais para compartilo cos vilagarciáns poden participar na Choqueirada Virtual que tamén convoca a Concellería de Cultura. Os únicos requisitos para participar é disfrazarse de choqueiro, non valen outras modalidades de disfrace, e colgar nas súas contas de Instagram unha “historia”incluíndo nela a etiqueta @vilagarciaviva. Poden subir foto, vídeo ou gifs dos choqueiros. Posteriormente o Concello compartirá no seu perfil as historias de choqueiros máis divertidas ou orixinais, tendo sempre presente que so se admiten disfraces de choqueiro.