MEDIO AMBIENTE
Vilagarcía aposta polo Pacto Europeo dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía Vilagarcía entrará a formar parte da lista de concellos europeos incluídos no Pacto dos Alcaldes Para o Clima e a Enerxía mediante o cal os gobernos locais comprométense voluntariamente a implantar os obxectivos establecidos pola Unión Europea en materia de coidado do clima e uso de enerxías sustentables medioambientalmente. O goberno local, a través da Concellería de Medio Ambiente, eleva ao Pleno que se celebra este xoves a proposta de adhesión ao pacto.
22.02.2021.- Unha vez conte coa aprobación do Pleno da Corporación, a adhesión ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía materializarase mediante a sinatura da Carta de Adhesión. A partir de aí , o concello disporá dun prazo de 2 anos para elaborar e aprobar un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible que, seguindo as directrices que establecen as normativas europeas e a Axenda 20/30, terá como obxectivos identificar e avaliar os desafíos e prioridades climáticas e enerxéticas existentes no municipio, seguir e informar do progreso cara aos compromisos adquiridos, informar e respaldar aos responsables da toma de decisións, comunicar os resultados ao público en xeral, permitir la autoavaliación, facilitar o intercambio de experiencias con iguais e demostrar os logros locais ao órgano coordinador do Pacto. O plan elaborado deberá ser revisado polo Centro Común de Investigación da Comisión Europea.
Traballo adiantado en Vilagarcía A adhesión ao PACES é unha mostra máis do firme compromiso do goberno local de Vilagarcía coas políticas medioambientais e de coidado do clima. Este compromiso vense plasmando dende hai xa anos en accións concretas como todas as que contribúen a reducir os niveis de CO2 (peonalizacións para reducir o tráfico de vehículos no centro da cidade, fomento do uso do transporte público colectivo con medidas como o VaiBus e o VaiBus+, a promoción do uso da bicicleta como medio de transporte alternativo e sustentable co servizo municipal de bicicletas do VaiBike, a ampliación do carril bici no paseo marítimo e entre Ferrazo e Canelas e a execución en curso das ciclovías; o VaiaPé para incentivar á xente a desprazarse camiñando pola cidade ou a creación de estacionamentos disuasorios).
O PACES conta na actualidade en toda Europa con 7.000 entidades locais adscritas. En Galicia están adheridos actualmente 237 concellos dos 313 existentes. A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia creou unha oficina do Pacto en Galicia para informar e asesorar aos concellos, así como para ofrecer apoio administrativo.