CULTURA
O Concello obtén un lenzo de Rivas Briones pola doazón de Julio Díaz Losada, antigo notario en Vilagarcía O Concello de Vilagarcía acaba de ver incrementado o seu patrimonio artístico coa obtención doutro cadro do pintor e fillo predilecto da cidade, Antón Rivas Briones. A obra conséguese pola doazón altruísta realizada polo Julio Díaz Losada, o que durante 17 anos exerceu como Corredor de Comercio de notario no seu despacho da Praza de Galicia. O cadro é un lenzo sen título, de 90x60 centímetros, cuxa orixinalidade reside en que está pintado polas dúas caras. Nunha representa unha escena dun posto de venta de queixos nun mercado e pola outra a dunha choqueirada de Entroido.
09.03.2021.- Julio Manuel Díaz Losada exerceu a súa profesión en Vilagarcía entre os anos 1989 e 2006. Foi durante a súa estancia na vila cando adquiriu o cadro ao propio Antón Rivas Briones, tamén veciño da localidade. Dente entón, o propietario mantivo o lenzo exposto no seu domicilio particular, decidindo recentemente doala ao Concello de Vilagarcía en base ao dous argumentos: por tratarse da obra dun artista tan destacado pola súa traxectoria en Vilagarcía e como mostra de afecto do doante cara esta cidade.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, en nome da Corporación Municipal e de toda a cidadanía de Vilagarcía, agradece o xesto altruísta de Julio Díaz Losada e congratúlase de que o patrimonio artístico municipal poida continuar enriquecéndose con obras de tanta calidade e con tanto contido sentimental como as que asina Rivas Briones, o que a maiores de ser un dos máis valorados artistas galegos do último século, razón pola cal a sala de exposicións municipal bautizouse co seu nome, foi un moi querido e respectado veciño, cariño co que tamén se lembra a Losada, residente actualmente en Vigo.
A doazón oficializarase mediante a sinatura dun convenio, tras o cal farase o acto de entrega da obra cuxo destino será a súa exposición en dependencias municipais. En agradecemento e recordo deste xesto, o cadro colgarase acompañado dunha placa na que rezará a lenda de que a obra foi doada por Julio Manuel Díaz Losada.