OBRAS E SERVIZOS
O Concello solicita reinvestir os sobrantes do POS 19 para ampliar o saneamento nas rúas Verderol e Pena A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía acordou na última reunión solicitar á Deputación Provincial o reinvestimento de 38.740 euros dos fondos sobrantes polas baixas na contratación de obras correspondentes ao POS 19. Con estes cartos o Concello pretende financiar a realización de dúas actuacións máis de ampliación do saneamento, a primeira na Rúa Verderol, na zona de As Carolinas, e a segunda na rúa Pena, en Trabanca Badiña. En ámbolos dous casos, os proxectos xa están redactados.
19.03.2021.- No caso da rúa Pena, a actuación prevista ten dúas partes. A relativa á ampliación da rede de saneamento afecta á travesía Pena, a onde se pretende levar a rede municipal dende a rúa principal para permitir a conexións das vivendas situadas na travesía. Tratase dun tramo de vía sen saída e con pendente negativa en relación ao colector xeral, polo que a actuación prevé a instalación de sistemas de impulsión para conducir o caudal de residuais ata a rede xeral. A segunda parte da obra consiste na mellora do firme nun tramo da Rúa Pena, que se pavimentará convenientemente. Esta actuación está presupostada en 23.480 euros.
O proxecto da Rua Verderol tamén ten dúas partes. A primeira é a xa coñecida ampliación da rede de saneamento para permitir a conexións das vivendas emprazadas nesta vía secundaria. Como no caso anterior, tamén se trata nun tramo de rúa sen saída e en costa, polo que tamén será precisa a instalación de equipos de impulsión. Ademais, o proxecto prevé instalar unha rede de recollida das augas pluviais que na actualidade discorren pola superficie da vía e que se canalizarán por gravidade cara o leito do río Con, que discorre polas inmediacións. A actuación complétase coa reposición do firme afectado. O presuposto desta obra ascende a 15.260 euros.
Unha vez que a Deputación aprobe a reutilización dos fondos sobrantes, o Concello procederá á contratación dos traballos que teñen 1 mes de prazo de execución.