OBRAS E SERVIZOS
O Concello instala estufas de pellets na escola unitaria de Bamio e nos centros socio culturais de Guillán e O Piñeiriño O plan municipal de aforro e eficiencia enerxética e uso de enerxías alternativas que está desenvolvendo o Concello de Vilagarcía dende hai uns anos compleméntase estas semanas coa instalación de novas estufas de pellets na escola unitaria de Vilar-Bamio e nos centros socio culturais de Guillán e O Piñeiriño. O investimento realizado nestas tres novas actuacións ascendeu a 18.148 euros que o Concello asume con cargo á subvención concedida a través da liña de axudas convocada polo Inega para proxectos de enerxías renovables térmicas cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
23.03.2021.- O centro cultural de Guillán e a unitaria de Bamio xa teñen instaladas as súas respectivas estufas, mentres que a do centro Breogán está pendente de facelo. A adquisición e instalación deste equipo, así como o da casa de cultura de Guillán, foron adxudicadas á empresa local Ecovila, mentres que a da unitaria de O Vilar, subministrouna Calefacciones Paulino.
Con anterioridade a esta ultima fase, o Concello de Vilagarcía xa leva realizado varias actuacións máis para substituír os sistemas de calefacción dos centros socio culturais e da escolas unitarias por outros con maior eficiencia enerxética. En concreto, nos últimos anos procedeuse a instalar caldeiras e estufas de biomasa nas instalacións culturais de Trabanca Badiña, Rubiáns, Bamio, Galáns, Fontecarmoa e Faxilde, así como na Escola Municipal de Música e na Biblioteca.