DEPORTE
Concello e Arosa SC planifican as actuacións a levar a cabo no terreo de xogo do campo da Lomba O presidente do Arosa S.C. Manuel Abalo, volveu a ser recibido hoxe no Concello para abordar co alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de deportes e presidente da Fundación, Miro Serén, a situación do terreo do xogo do campo da Lomba e planificar en conxunto as actuacións que se van a levar a cabo para melloras as condicións do mesmo. A reunión, que se celebrou nun clima de absoluta cordialidade e cun talante construtivo por ambas partes, tamén serviu para repasar anteriores melloras realizadas polo Concello nas instalacións da Lomba.
07.04.2021.- O rexedor el o concelleiro comentaron co directivo do Arosa o bo resultado da escarificación realizada onte e na que o Concello investiu 2.000 euros. Serén informou de que os traballos non se limitaron a mellorar a osixenación do terreo ao eliminar as herbas mortas, se non que tamén axudará a unha mellor nivelación en superficie.
Como xa se viña falando dende hai semanas co presidente do club, o Concello confirmou a Abalo que xa se están pedindo presupostos e asesoramento técnico para adquirir unha máquina de corte helicoidal para o mantemento da herba da Lomba, traballos que poderán realizarse igualmente antes de que estea materializada a compra grazas ao equipo que prestará o club Portonovo. Neste punto, membros do goberno agradeceron ao presidente do Arosa a mediación realizada ante o seu homólogo de Portonovo para conseguir a cesión da máquina que xa se poderá utilizar a partir de mañá xoves, estando prevista un segundo uso o sábado.
Outras das medidas que a Fundación xa tiña falado co presidente do Arosa foi no marco de colaboración entre as dúas entidades é a disposición diaria dun operario do organismo municipal para apoio e reforzo das labores de mantemento da herba, tales como rega, preparación, corte ou mesmo para repoñer o tepe tras os partidos, tarefa esta que tiña asumida o propio club mediante o convenio asinado para a utilización do campo municipal, pero que, por diversas razóns, non se efectuaban coa constancia precisa.
Dado que a intención tanto do Concello como do club é resolver de forma definitiva as deficiencias que periodicamente xorden no terreo de xogo da Lomba, Serén informou de que xa se contactou con técnicos na materia para asesorarse de cada á redacción duns novos pregos para sacar a licitación as labores de mantemento do campo, de xeito que queden recollidas e concretadas todas as actuacións, tratamentos e coidados que precisa, a periodicidade dos mesmas, e ata o tipo de maquinaria a utilizar, entre outros aspectos.
Na xuntanza tamén se falou dos investimentos realizados nos últimos anos na Lomba, posto que a Fundación e o Concello levan moito tempo tratando de buscar solucións factibles para conseguir o mellor estado do campo da Lomba, non só do terreo de xogo, cuxas carencias remóntanse a máis dunha década atrás, senón en todo o estadio. Exemplo disto son, por exemplo o arranxo dos vestiarios, a recente cambio da cuberta da grada, que supuxo un investimento de 129.000 euros ou e renovación da imaxe exterior das instalacións, actuacións que elevan o investimento a preto de 250.000 euros e que supuxeron unha importante mellora tanto na imaxe como na seguridade e confort das instalacións.