CONCELLO
A ciclovía mantén os aparcamentos en Rodrigo de Mendoza e prevé praza de minusválidos na zona peonil da Florida Tal como xa se adiantara en varias ocasión, a última o pasado sábado na nota de prensa publicada nos medios de comunicación e nas redes sociais, o proxecto de construción das ciclovías que comezou o luns manterá o 100% dos estacionamentos na zona máis populosa de Rodrigo de Mendoza, a que vai da rotonda da Luz Salgada á da Laxe, e só eliminará a liña pegada ao río que transcorre entre esta e a glorieta da Mariña Española. A maiores, a zona peonil prevista no fronte dos edificios da Florida prevé as correspondentes prazas de minusválidos e garante o acceso de vehículos para labores de carga e descarga, como acontece en calquera outra zona peonil do municipio.
Coa reiteración destes puntos, o goberno local aclara as dúbidas que parecen están a xurdir entre algún veciño da zona co inicio das obras que, como xa se apuntaba, precisarán eliminar temporalmente algúns estacionamentos mentres se desenvolven os traballos. Maila isto, as obras planificáronse para crear as mínimas molestias posibles. De feito, mantense totalmente operativa a liña completa de aparcamentos da marxe na que se sitúa o maior número de negocios, no tramo comprendido entre a rotonda da Luz Salgada e a da Laxe, polo que, ademais de aparcar, todos os establecementos teñen perfectamente garantido o acceso aos seus locais, así como as labores de carga e descarga, igual que ata o de agora.
Ademais, ese tramo de Rodrigo de Mendoza pode considerarse unha zona privilexiada no conxunto de Vilagarcía dada a concentración de prazas de aparcamento libre e gratuíto que acolle, como os aparcamentos dianteiro e posterior de Fexdega nun tramo, os estacionamentos dos supermercados das Carolinas, noutro e, no medio do da Finda Douro.
Esta liña de estacionamentos manterase na súa totalidade, coa única diferenza de que se desprazará cara ao interior da calzada para situar a ciclovía entre os aparcamentos e a beirarrúa para ofrecer maior protección aos ciclistas ante a circulación dos vehículos. Tamén se mantén coas actuais dimensións a beirarrúa.
Dende o Concello apúntase que se leva informando do proxecto das ciclovías dende hai meses e en repetidas ocasións a través dos medios de comunicación públicas. Ademais, o proxecto está a disposición pública na plataforma de contratación da sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal) polo que calquera persoa o pode consultar. Dende o executivo se advirte que neste tempo, ningún veciño se dirixiu ao Concello solicitando información ao respecto. Maila isto, o executivo local insiste en que a plena disposición de calquera veciño para aclarar calquera dúbida.
O goberno prega paciencia aos veciños polas molestias que as obras lles poidan ocasionar mentres duren os traballos e que, en todo caso, sempre tratan de minimizarse. Como ben se sabe, toda obra implica un período necesario de molestias, pero igualmente certo é que unha vez rematadas, supoñen unha grande mellora para a zona en concreto e, no caso das ciclovías, para o conxunto da cidade, que gañará substancialmente en materia de mobilidade sostible, tal como recomendan as directrices europeas.
Por outro lado, cómpre lembrar que o colectivo de veciños da Coca solicitou a instalación dunha estación do VaiBike! no barrio, un recurso de mobilidade sostible que se verá mellorado coa creación da infraestrutura correspondente que se habilita coas ciclovías.
A maiores, o lémbrase que as obras que veñen de comezar non son unha actuación puntual que afecta a unha rúa en concreto, senón que se corresponden ao primeiro tramo dun proxecto máis amplo que chega ao Piñeiriño, e abrangue outras rúas do casco urbano; actuación que terá continuidade con máis fases ata crear a rede de ciclovías que se estenderá por todo o municipio e das que se irá informando sucesivamente.