_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CULTURA
Vilagarcía, Cidade de Libro explora outras dimensións cunha xornada dedicada á ciencia ficción, á fantasía e ao cómic

O descoñecido e as dimensións máis aló da realidade que coñecemos compoñen o caldo de cultivo da xornada que o Vilagarcía, Cidade de Libro dedica o venres á literatura fantástica e de ciencia ficción e á banda deseñada. O escritor Manel Loureiro, autor da exitosa novela “La Puerta”, o director e guionista Elio Quiroga e os ilustradores Kiko Dasilva e Miguelanxo Prado forman parte do cartel dun día no que están programadas presentacións e firmas de libros, obradoiro de banda deseñada, xincanas fantásticas e moitas máis actividades para todos os públicos e para todas as idades.
24.06.2021.- Como xa é habitual, a Cidade de Libro abrirá as casetas da Praza da II República ás 11:00 horas. As actividades previstas durante a mañá están dirixidas ao público infantil e xuvenil. A primeira será a que leva por título “Xogando cos libros fantásticos”, unha xincana relacionada coa unidade didáctica da exposición A Biblioteca dos Libros Fantásticos que se exhibe estes días no Auditorio. Neste espazo, xunto coas zonas habilitadas no Parque Miguel Hernández e o Auditorio, será onde se realice a actividade cuxa participación é libre e de balde ata completar aforo.

Tamén ás 11:30 dará comezo na sala de conferencias do Auditorio o obradoiro “Aprende banda deseñada con Fiz”, dirixido polo ilustrador Kiko Daslilva e que está destinado a rapaces de 10 a 16 anos. A participación tamén é libre e de balde ata completar as 18 prazas dispoñibles. Os interesados deben anotarse previamente mandando un mail ao enderezo xuventude@vilagarcia.gal indicando nome, DNI e número de teléfono.

O Libro con Rodas trasladarase a mediodía ata a Casa da Cultura de Carril para achegar aos nenos e nenas da localidade os seus “Contos no Camiño”. E ás 12:30 horas no ambiente lector infantil do Parque Miguel Hernández, a autora Carme Domech ofrecerá o contaconto “Érase unha vez… un libro fantástico!”.

O programa de Vilagarcía, Cidade de Libro continuará xa pola tarde, tanto na zona expositiva e de venta de libros da Praza da II República, como na Praia Compostela, onde o Libro con Rodas recala cos seus “Contos no Camiño” a partir das 18.00 horas. Á mesma hora dará comezo a xincana de Harry Potter que, partindo do ambiente lector infantil do Parque Miguel Hernández, discorrerá por diversas rúas da cidade. A actividade estará dirixida polos integrantes do taller de teatro Clámide e a participación é libre e gratuíta ata completar aforo.

As presentacións de libros de recente publicación comezan tamén ás 18:00 horas no escenario de autores da Praza da II República. Neste caso, cun acto dedicado en exclusiva á banda deseñada no que Miguelanxo Prado comentará a súa última obra, “O pacto do letargo”, o mesmo que farán Fernando Llor e Esteban Hernández con “Polt Point” e Kiko Dasilva con “A Silveira”.

Os autores participantes na xornada do venres comezarán a firmar libros ás 19:30 horas e o programa volverá a pecharse co habitual encontro literario que comeza ás 21:00 horas na Praza da II República. Para abordar a temática da literatura fantástica e de ciencia ficción contarase coa participación do escritor pontevedrés Manel Loureiro, autor de “Apocalipse Z. O principio do fin” e a máis recente e igual de exitosa “La Puerta” e do escritor, director e guionista de películas de ciencia ficción, Elio Quiroga. O xornalista Carlos Crespo moderará a charla.

RESEÑAS DOS AUTORES

MANEL LOUREIRO (Pontevedra, 1975) é un escritor e avogado español que ademais traballou como presentador na Televisión de Galicia e máis tarde como guionista de diversos proxectos. Na actualidade colabora cos xornais Diario de Pontevedra e ABC. Así mesmo, é colaborador habitual da Cadena SER. A súa primeira novela, “Apocalipse Z: O principio do fin”, un thriller de terror, comezou como un blogue na internet que o autor escribía nos seus intres libres. Debido ao gran éxito que alcanzou (tivo máis dun millón e medio de lectores en liña e transformouse nun fenómeno viral), foi publicado en 2007 e converteuse automaticamente nun best seller. As súas dúas seguintes novelas, “Os días escuros” e “A ira dos xustos”, continuación da primeira, convertéronse de maneira inmediata nun éxito de vendas non só en España, senón noutros moitos países do mundo. Ademais, Loureiro é un dos poucos autores españois contemporáneos que conseguiu situar as súas novelas na lista dos máis vendidos de Estados Unidos. Os seus libros foron traducidos a máis de dez idiomas e publicados en preto dunha vintena de países.

ELIO QUIROGA (Las Palmas de Gran Canaria, 1965) estudou enxeñería informática e participou no desenvolvemento dun dos máis importantes programas de post produción dixital do mundo (Balbordo). Tamén dirixiu publicidade ao longo de 7 anos (anuncios, institucionais, industriais, turísticos, arquitectónicos, etc.) a través da súa propia produtora e axencia, Frame + Frame Films. Participou como xurado en festivais internacionais, como o de Sitges, e ten realizado seminarios en calidade de titor de desenvolvemento de guións para o Sundance Institute. É, así mesmo, asesor oficial do Goberno de Canarias para a creación dos programas autonómicos de estudos en audiovisuais. Publicou “Mar de Hombres”, “Ática” e “O Anxo do Ermo”, premiados co Premio Nuevas Escrituras Canarias, un ensaio sobre A Música no Cinema, e colaborou no libro colectivo”Luchino Visconti: los caminos de la pasión”, para a Filmoteca de Canarias. En 2004 publicou o ensaio titulado “A Materia dos Soños”, que foi premiado co Accésit ao Premio de Ensayo DMR Consulting 2003, editado por Deusto. Quiroga é o director e guionista da controvertida longametraxe “Fotos”, que obtivo o Premio ao Mellor Guión e o Premio Especial do Xurado no Festival de Sitges en 1997, onde foi aplaudida con entusiasmo por Quentin Tarantino; foi nomeada ao Méliès D´ Argent á Mellor Longametraxe Fantástica Europea, ao Corbeau D´ Or do Festival de Cinema de Bruxelas, así como aos populares Fotogramas de Plata.

KIKO DASILVA (Vigo, 1979). Artista plástico e humorista gráfico, licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Iniciou a súa traxectoria profesional en 1998; creou e dirixíu as revistas de banda deseñada “BD Banda” (premio ao mellor fanzine do Salón del Cómic de Barcelona), “Fiz y Retranca” (Premio Ourense á Mellor Iniciativa de Banda Deseñada 2010). É autor do álbum “Moncho e a mancha” e ilustrador de “Cando a Matías lle entraron gañas de facer pis na noite de Reis” (Kalandraka), entre outros títulos. Colaborou coa revista “El Jueves”. Recibíu, entre outros galardóns, o 1º Premio de Cómic de Ourense (1996), o Premio Internacional de Humor Gráfico de Porto e o Premio Castelao de Banda Deseñada (2014). Bolseiro pola Fundación Arte&Derecho. Creou e actualmente é director e profesor da Escola de Banda Deseñada e Ilustración “O Garaxe Hermético”, en Pontevedra.

MIGUELANXO PRADO (A Coruña, 1956). Empeza moi cedo a colaborar en revistas como “Creepy”, “Comix Internacional” e “Zona84”. En 1985 publica o seu primeiro traballo en solitario, “Fragmentos da Enciclopedia Délfica”. Só dous anos despois verá a luz “Stratos”. Tras colaborar coa revista satírica “El Jueves”, publica “Trazo de tiza”, unha obra coa que obtén o recoñecemento unánime do público internacional. Traballou para a Televisión Galega, canle para o que creou a personaxe Xabarín e os da serie “Os vixilantes do Camiño”. En 1998, deseña as personaxes da serie de animación “Men in Black”, para a produtora estadounidense Dreamworks. Dende ese mesmo ano, Prado dirixe o salón do cómic “Viñetas dende o Atlántico”. En 2003 publica o libro colectivo “Noches eternas”, en colaboración co guionista Neil Gaiman. En 2009 ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes. En 2013 recibe o Premio Nacional de Cómic pola súa obra “Ardalén”.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -