DESENVOLVEMENTO LOCAL
O concello sacará de novo o Vaibike! a concurso tras adaptar o prego ás novas condicións do mercado A actual crise de subsministros industriais, por unha banda, e o incremento das materias primas nos últimos meses, por outro, xustifican que o concurso convocado para a renovación e ampliación do servizo de préstamo de bicicletas Vaibike! quedara deserto. Dende que fora convocada a licitación, a principios do mes de xuño, varias empresas interesadas en presentar as súas ofertas advertiron de que tal e como estaba evolucionando o mercado, sería practicamente imposible que ninguén puidera licitar, como así ocorreu finalmente.
19.07.2021. Un exemplo é ben significativo: o aceiro inoxidable, material previsto para a construción das 16 novas estacións do servizo subiu un 35% dende que foi redactado o prego. Pero, ademais, hai unha evidente ruptura de stock de bicicletas, polo que non é doado conseguir os modelos previstos nin, no caso de que así fora, serían máis caras e necesitarían máis tempo para a súa subministración. Hai que ter en conta, neste sentido, que cando foi redactado o prego de bases e se iniciou toda a tramitación administrativa que esixe un proxecto financiado con fondos FEDER, era febreiro de 2020. Xusto despois se declarou a pandemia que tanto influíu non só nos hábitos dos cidadáns (dende entón houbo un bum na demanda de bicicletas e outros sistemas alternativos de transporte), senón no consumo de materias primas e a produción industrial.
Deste xeito, o Concello xa comezou a modificar o prego de cláusulas, mantendo o servizo tal e como está previsto, pero cambiando algunhas condicións que permitan rebaixar o custe dos subministros sen variar o prezo de licitación: 178.505 euros. Por exemplo, substituíndo o aceiro inoxidable por outro galvanizado e lacado, garantindo con isto tamén unha longa duración dos materiais, pero a un prezo sensiblemente inferior. Igualmente, licitando -en vez varios tipos de bicicletas para distintas idades- un so modelo que poida ser adaptado para usuarios de 14 anos en adiante. Con estes axustes e outros tamén moi técnicos recomendados por empresas e estudios especializados aos que se consultou, o concello confía en que poidan resolverse os obstáculos que provocaron que agora o concurso quedara deserto.
En esencia, o proxecto do novo servizo de Vaibike! se manterá. É dicir, se seguirán mantendo a creación de 16 estacións (ou sexa, 11 máis das existentes actualmente), se porán en funcionamento 81 bicicletas, das cales 6 terán que ser das denominadas “handbike”, as que se impulsan coas mans, para cidadáns que normalmente se desprazan en cadeiras de rodas. Igualmente, algunhas das 75 restantes poderían ser asistidas, é dicir, con motor eléctrico, aínda que isto se deixa como posibilidade de mellora por parte dos licitantes.
En calquera caso, o goberno local vai seguir apostando pola bicicleta como sistema de mobilidade alternativa aos vehículos a motor, de acordo cos obxectivos marcados pola Unión Europea e a Axenda 2030 da ONU. De feito, neste momento está a piques de rematar o primeiro tramo da rede de ciclovías coa que contará o municipio. De aí a celeridade coa que se quere sacar de novo a licitación o servizo de préstamo de bicicleta Vaibike!
O servizo contaba, ata a súa suspensión, con cinco estacións: Cavadelo, Parque de Dona Concha (Vilaxoán), Carril, O Piñeiriño e estación do ferrocarril. Unha vez aque se adxudique o novo concurso, haberá 11 máis: O Rial, O Freixo, na contorna dos edificios de As Gaivotas, no novo paseo marítimo de Canelas, no campo Manuel Jiménez, en Fexdega, nas Carolinas, na rúa San Roque (nas inmediacións do IES Castro Alobre), na Praza de Ravella, na Praia da Compostela, e na contorna do ES de Carril. Deste xeito abárcase practicamente toda a trama urbana de Vilagarcía (xa que as EDUSI están destinadas só á acción en contornas urbanas), coa intención de continuar avanzando no futuro cara as parroquias do rural. Cada estación contará con 6 aparcabicis e deberá estar dotada con sistemas de eficiencia enerxética ou enerxías alternativas que permitan o aforro de electricidade, e, igualmente, dun punto de recarga para bicicletas eléctricas.