CONCELLO
O Concello aproveitará o verán para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria na Rúa Xunqueira O Concello de Vilagarcía aproveitará as vacacións escolares para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria na Rúa Xunqueira, acceso principal aos colexios A Lomba, Arealonga e Vagalume. A actuación comezará co retranqueo do muro do recinto escolar, obra adxudicada esta mañá pola Xunta de Goberno, que permitirá gañar 2 metros para ensanchar a estreita rúa que durante o curso transitan cada día centos de escolares que acoden a pé e que teñen que convivir nun espazo moi reducido e sen protección co paso do transporte escolar e de numerosos vehículos particulares.
26.07.2021.- O Concello destina 41.258 euros dos fondos correspondentes ao POS 2020 a financiar a obra contratada a COVSA. Para poder acometer a actuación foi preciso obter previamente a aprobación dos consellos escolares dos colexios Arealonga e A Lomba, e tamén da Consellería de Educación, que autorizou a cesión da franxa de terreo de 2 metros ao longo de toda a Rúa Xunqueira. A medida non afectará apenas aos colexios, que seguirán contando cun extenso patio para o esparexemento dos escolares. Pola contra, resultará moi positiva xa que permitirá dotar á vía de maior seguridade ao dispor de máis espazo para que os peóns transiten sen ter que invadir parte do carril de circulación rodada.
A actuación promovida pola Concellería de Mobilidade axilizarase ao máximo para tratar de que estea rematada para cando se inicie o curso escolar, ou que estea o suficientemente adiantada como para non interferir na actividade dos centros.
O retranqueo do muro será o primeiro paso dunha actuación máis ambiciosa de reforma integral da Rua Xunqueira que se levará a cabo nunha segunda fase a través do proxecto dos Camiños escolares seguros para o que o Concello solicitou financiamento a través do Plan Moves.