MULLER
A Semana Muller e Cultura arranca cun faladoiro e un monólogo en clave de humor A Semana Muller e Cultura organizada pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía co obxectivo de poñer en valor e visibilizar o papel e o traballo das mulleres creadoras no eido cultural, arranca mañá xoves cun interesante faladoiro e un monólogo cómico protagonizado por catro mulleres profesionais do sector. A actividade celebrarase a partir das 19 horas na sala de conferencias do Auditorio con entrada ibre e de balde ata completar aforo e tamén se retransmitirá por streaming para chegar ao maior número de público posible. As actividades programadas por Igualdade continuarán o venres cun espectáculo cómico feminista de micro aberto e co obradoiro sobre narrativa cómica que impartirá Paula Carballeira o sábado. O programa clausuraranse o venres 24 coa obra de teatro “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva”.
15.09.2021.- No faladoiro de mañá, que leva por titulado “A muller e o humor na escena”, intervirán Diana López Valera, guionista, escritora e directora cultural; María Armesto, dramaturga e directora feminista de escena; e Isabel Risco, actriz, clown e pedagoga teatral. O faladorio irá seguido do monólogo: “Beni Barciela: consulting feminista”, realizado pola actriz, directora e escritora teatral Clara Gayo. Os actos serán retransmitidos en directo a través do facebook do Concello e da canle de youtube “Concello de Vilagarcía de Arousa”.
O venres 17 celebrarase o espectáculo cómico feminino de micro aberto “Tremendas Comedy by”, protagonizado por Arantxa Treus, actriz que traballou, entre outras, na serie “Fariña” e obtivo o premio Fetega á mellor monologuista cómica 2020; Jazmín Abuín, actriz e monologuista que, entre outras experiencias, ten traballado nas series “La que se avecina” e “Serramoura”; e Antía Costas, actriz, cómica, pandereteira, improvisadora, monologuista e creadora e directora da compañía Moito Morro Teatro. A entrada ao espectáculo será de balde con reserva previa en ataquilla.com.
Xa na fin de semana, o sábado 18 desenvolverase o obradoiro de narración oral titulado “Reinventar a tradición con sentido do humor”, impartido por Paula Carballeira, narradora oral, actriz, directora, escritora e membro da compañía Berrobambán. O obradoiro irá dirixido a todo o público a partir de 20 anos que queira traballar desmontando estereotipos sexistas na narrativa. Será de balde e celebrarase no Auditorio en horario de 10 a 14 horas. As inscricións poderanse facer directamente na Área de Igualdade ou a través do enderezo electrónico muller@vilagarcia.gal , presentando o modelo que estará pendurado no taboleiro de anuncios desta web. O prazo para inscribirse ábrese o mércores 1 de setembro e péchase o día 15. Dado o limitado número de prazas ofertadas, 10, en caso de que haxa maior demanda, adxudicaranse mediante sorteo.
O broche final da Semana Muller e Cultura 2021 terá lugar o venres 24 coa representación da obra de teatro “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva”, unha comedia a cargo da compañía teatral Olivas Negras. Dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez, conta unha historia de autosuperación e empoderamento feminino, en clave de humor, na que o público tamén terá ocasión de observarse e viaxar coas protagonistas.
A Semana Muller e Cultura é unha actividade que se enmarca dentro do III Plan de Igualdade do Concello de Vilagarcía e que cofinancia a Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021. Nesta edición, a través do humor protagonizado por mulleres, analizaranse os sesgos de xénero na produción cultural e ofreceranse á cidadanía modelos próximos de mulleres creadoras.