_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CONCELLO
Vilagarcía presenta ao Plan Turístico Xacobeo do Ministerio proxectos valorados en 3,4 millóns de euros

O executivo local de Vilagarcía continúa a súa política de captación de fondos e investimentos para a cidade a través das diferentes liñas de axudas que ofrecen as administracións superiores. A última, a do Plan Nacional Turístico Xacobeo, convocado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, á que o Concello de Vilagarcía vén de solicitar unha subvención de 3,4 millóns de euros para o desenvolvemento de diferentes accións tendentes a mellorar, modernizar e desenvolver o potencial turístico do municipio. Os proxectos que conforman a proposta vilagarciá inclúen dende obras de recuperación de espazos, infraestruturas e equipamentos ata a creación de novos servizos, pasando por sinalización inclusiva e dixitalizada.
16.10.2021.- As 17 actuacións que inclúe a proposta distribúense en catro dos eixos de actuación previstos na liña de axudas: Competitividade, Transición verde e sostible, Mellora da eficiencia enerxética e Transición dixital.

Entre as actuacións a financiar a través do eixo de Competitividade o Concello inclúe no apartado de obras a construción das piscinas ao aire libre no bordo litoral da contorna da praia e o acondicionamento para uso turístico da parcela de 6.800 metros cadrados do Ramal que se vén de adquirir á Autoridade Portuaria, de xeito que se recupere este espazo como unha zona verde e atractiva para o esparexemento, que dea unha continuidade natural á transición entre o parque Miguel Hernández e o paseo marítimo e a praia da Concha.
Neste mesmo eixo proponse tamén a creación dunha oficina técnica para asesoramento durante o proceso de elaboración, execución e xestión da estratexia.

Sinalización turística en braille e pictogramas

Ademais, na procura dun turismo totalmente inclusivo, tamén se propón a través desta liña a execución dun plan de sinalización turística en braille e pictogramas.
En conxunto, para as accións do ámbito de Competitividade solicítanse 1.732.723 euros.

No eixo de financiamento de actuacións de Transición verde e sostible propóñense, por exemplo, a restauración ambiental do tramo que enlazará a Vía Verde coa rede de Ciclovías, a complementariedade das ciclovías e do carril bici e o acondicionamento de párkings disuasorios, accións que teñen por obxecto rebaixar as emisión de CO2 a atmosfera mediante a redución do tráfico rodado e a través do fomento de medios de transporte alternativos como é a bicicleta ou os desprazamentos a pé.

Puntos de recarga para cadeiras de rodas, bicis e patíns eléctricos
Neste mesmo eixo, coa mesma filosofía e como actuacións innovadoras e inclusivas, inclúense tamén a creación de puntos de recarga para bicicletas e patíns eléctricos e outros específicos para cadeiras de rodas. E por último, a creación de estacións BTT vinculadas ás rutas cicloturistas existentes.
A subvención solicitada para financiar as iniciativas deste apartado ascende a 545.000 euros.

Oficina, sinalización e promoción dixitalizadas

A través do Plan Nacional Turístico Xacobeo o Concello de Vilagarcía pretende dar un salto tecnolóxico no turismo municipal, para o cal, a través do eixo de Transición dixital se solicita unha axuda de 479.000 euros que permita dixitalizar as infraestruturas. As accións propostas neste eido son a conversión da Oficina de Información Turística nunha Oficina de turismo dixital e intelixente (smart CRV), a instalación de sinalización turística dixital (smart tourism) e a implantación dun sistema de sinalización dixital na rede de ciclovías e o seu enlace co proxecto “Eurovelo” do Camiño de Santiago en bicicleta.
O bloque complétase coa instalación de taquillas de acceso mediante sensórica (no touch) e co desenvolvemento dunha nova web, app e contidos multimedia, no marco da estratexia de social listening e redes sociais.

Por último, e dentro do eixo correspondente á mellora da eficiencia enerxética inclúese a renovación e paso á tecnoloxía led do alumeado público de zonas turísticas como o paseo marítimo, espazos de ocio e parques, as ciclovías e as zonas incluídas no Camiño de Santiago. Tamén se propón financiar a través deste bloque a instalación de iluminación eficiente nas piscinas recreativas que se pretenden construír na contorna da praia e na parcela recuperara ao Porto no Ramal. A subvención que se solicita para o conxunto destas accións ascende a 645.730 euros.

A oportunidade dos fondos europeos

O Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22 ten como obxectivo financiar actuacións que sirvan para impulsar os Camiños de Santiago como produto cultural e patrimonial en todo o territorio do Estado. O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dotouno con 121 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation concedidos a España pola Unión Europea no marco das medidas para paliar a crise ocasionada pola pandemia.

Esta non é a primeira convocatoria do Ministerio á que concorre o Concello de Vilagarcía para tratar de obter financiamento desta inxección económica procedente de Europa, posto que tamén se solicitaron 815.000 euros dos Next Generation para diversas accións tendentes a revitalizar e modernizar o comercio local e a Praza de Abastos.

Nestes dous casos, aínda haberá que esperar a que o Ministerio resolva a convocatoria para saber si finalmente Vilagarcía accede a estes fondos. Non así coa proposta presentada ao plan MOVES, que xa foi aprobada e confirmada a concesión de 350.000 euros para a execución do proxecto dos Camiños Escolares Seguros na contorna dos centros educativos de A Lomba-Matosinhos.

Esta liña de traballo de captación de fondos doutras administracións é a que segue o goberno socialista dende que accedeu a Alcaldía, deseñando proxectos e presentando candidaturas a todas as convocatorias nas que encaixan as iniciativas para a cidade, como o programa "Vilagarcía Avanza" que xa ao principio do primeiro mandato conseguiu unha subvención de 5 millóns de euros dos fondos FEDER para a realización de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e que se atopa en execución. Trátase dunha liña de traballo que conleva moito traballo previo, pero da que se están a obter bos resultados para o municipio.

O executivo local ve nestes fondos europeos unha excelente oportunidade para captar financiamento que permita ao Concello acelerar os proxectos e os plans que ten previsto desenvolver no marco do modelo de cidade no que está a traballar, de feito que Vilagarcía se poida posicionar canto antes nun lugar privilexiado no ranking das cidades punteiras e con maior índice de prosperidade en todos os ámbitos.


4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -